* Alegacións ao Plan Básico Autonómico

No Diario Oficial de Galicia do día 22 de decembro de 2017, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por medio da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sacou a información pública o coñecido como Plan Básico Autonómico que ten por obxecto delimitar, entre outros, os bens patrimoniais dos concellos galegos. O período de alegacións para examinar o documento remata o día 22 de febreiro de 2018.

 

A importancia deste plan vén dada porque se pretende identificar, entre outros, todos os bens patrimoniais (arqueolóxicos, relixiosos, arquitectónicos, etnográficos, naturais, etc.) e as afeccións derivadas das distintas leis.

Que acontece se un ben patrimonial catalogado non aparece identificado? Pois, simplemente, non existe, o que pode provocar que sobre este ben ou na súa área de protección pódense acometer actuacións que o danen ou destrúan sen que pase nada.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comprobar as covas, mámoas, petroglifos, castros, pontes, castelos e escudos, igrexas e capelas dos seis concellos da comarca, detectando 187 bens que non aparecen, incluídos algún Ben de Interese Cultural. Tamén detectamos que se omiten algúns espazos naturais protexidos. En total revisamos máis de 500 bens patrimoniais.

Ademais da comarca, tamén fixemos a comprobación dalgúns xacementos arqueolóxicos noutros concellos da provincia: Antas de Ulla, O Corgo, A Fonsagrada, Guntín de Pallares, Friol, O Incio, Lugo, Monforte de Lemos, Negueira de Muñiz, Outeiro de Rei, Palas de Rei e Paradela, detectando 82 elementos aqueolóxicos que non figuran ou están mal situados. 

Descoñecemos se os Concellos revisaron o Plan e se van presentar alegacións, a lóxica dinos que si xa que é fundamental para a ordenación do seu término municipal e a protección do patrimonio. Ademais, cremos que terían que ser os Concellos, como partes máis directamente implicadas, quen deberan facer este traballo. Mesmo temos constancia de que hai Concellos co PXOM aprobado dende hai anos que non se actualiza, convertendo os Planeamentos nuns fósiles sen valor práctico.

Onte presentamos un total de 269 alegacións para que se teñan en conta e se corrixan os erros e omisións detectados.

* Os primeiros petroglifos do Corgo

Na segunda semana do mes de xaneiro de 2018, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar os primeiros petroglifos do concello do Corgo. Foi no monte da Devesa, situado á esquerda da estrada provincial que vai dende Porcín, en Castroverde, ao Coto, no Corgo. Estes petroglifos non figuran nin no inventario da Xunta de Galicia nin no PXOM do Concello do Corgo polo que son inéditos.

 

Atopámolos, de forma casual, cando buscabamos a Pena do Zapato que, segundo a información que nos facilitaron dous homes da parroquia de Folgosa (Manolo e Alfonso), tiña un gravado con forma de zapato que quedou alí plasmado cando a pedra foi pisada por un mouro. Debido á mesta maleza que medra debaixo dunha plantación de piñeiros non conseguimos dar con ela. 

Os petroglifos que localizamos atópanse nunha gran pena, de xisto e cuarzo, que destaca na paisaxe, a uns 750 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba algúns lugares do Corgo, Castroverde e Baralla. Informáronnos que recibe o nome de Pena Galiña (como curiosidade, non moi lonxe está a Pena Curral). Trátase de dúas cazoletas gravadas na parte alta da rocha, nunha superficie lixeiramente inclinada. Ambas as dúas teñen un diámetro de cinco centímetros e un de profundidade. Presentan a particularidade de que da parte inferior parten uns sucos ou canles. Están orientadas cara o nacente

Chama a atención o soporte onde foron insculpidos, xisto e cuarzo (predominando este último), un material moi duro para traballar. Lembremos que para gravar os petroglifos o soporte máis común é o granito e, xa a moita distancia, a lousa. Na parte superior da pena tamén localizamos un tosco cruciforme, claramente de factura posterior realizado, en vez de por frotamento, cun obxecto metálico. É probable que a cruz se fixera para cristianizar un lugar pagano.

 

Dixéronnos que a pena era máis grande e que había máis gravados. Seguro que si, nun dos anacos que se desprendeu vimos outra coviña. 

Non resulta doado coñecer cando se fixeron estes petroglifos, se ben, ao ser realizados por abrasión (frotamento), poden situarse nalgún momento da Prehistoria, probablemente na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos.  

As coviñas, ocos de planta redonda e sección semiesférica, son as representacións máis sinxelas, pero tamén as máis enigmáticas dentro do repertorio da arte rupestre galega. Dada a diversidade onde aparecen (en moitos casos asociadas a outros motivos de carácter xeométrico, naturalista, etc), temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que se utilizaría nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. 

A descuberta xa foi comunicada ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello do Corgo para a súa catalogación e protección. Ao tratarse de gravuras ao aire libre xa pasan a ser consideradas como Ben de Interese cultural (BIC), gozando da máxima protección legal.

* O "dolmen" de Vilouta (Becerreá)

O Dolmen de Vilouta ou Pedra Cobertoira atópase na parroquia de Vilouta, na ladeira da Serra da Pena do Pico, a 850 metros de altitude. É o enterramento prehistórico máis coñecido do concello de Becerreá e un dos máis interesantes da comarca dos Ancares. 

 

Aínda que popularmente se coñece como "O Dolmen", cremos que se trata dunha cista adscrita cronoloxicamente á Idade do Bronce, cunha antigüidade aproximada de 4.000 anos. A diferencia dos enterramentos do Neolítico (mámoas) que tiñan cámara poligonal, composta por cinco ou máis pedras fincadas no chan e estaban ubicados en lugares chairos e dominantes, este de Vilouta posúe cámara cadrada e está situado na ladeira dun monte.

A cámara está formada por tres esteos fincados no chan (dous laterais e paralelos e un terceiro que a pecha pola parte posterior) sobre os que pousa a pedra cobertoira ou tampa. Se todas as pedras de xisto e cuarzo que compoñen o enterramento son impresionantes, a que máis chama a atención é a tampa cunhas medidas na parte máis longa de case 2 metros e un espesor de 0,70 metros e cun peso superior a unha tonelada. A cámara funeraria ten unhas medidas de 1,5 metros cadrados. Apréciase o que puido ser un túmulo, practicamente desaparecido polos labores agrícolas que se efectuaron e aínda se efectúan no lugar.

O estado de conservación deste enterramento é relativamente bo, a pesares de que a tampa e un esteo perderon unha parte. Tamén observamos que, dende a última visita, un dos esteos foi danado.  

Segundo a lenda, a tampa cobertoira foi transportada por unha moura dende un monte próximo que, curiosamente, recibe o nome de A Moura.

 

Ao contrario das mámoas do Neolítico que en Galicia cóntanse por miles, estas cistas da Idade do Bronce son moi escasas, as rara avis da arqueoloxía galega. Ao longo do territorio galego o seu número non chega ni con moito ás cen, e na provincia de Lugo non supera a decena. 

Aínda que na ficha obrante no Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo consta como un dolmen, nós seguimos a crer que se trata dunha cista, e así llo fixemos saber nunha conversa que recentemente mantivemos con eles. Despois diso volveron a estudar o asunto e non desbotan que, en efecto, se trate dun enterramento da Idade do Bronce e non do Neolítico, o único que os fai dubidar é o grosor das pedras en comparación coas doutras cistas do país. Nós argumentamos que iso non ten porque ser significativo xa que non é o mesmo traballar as pedras de granito que as de xisto e cuarzo. 

A pesares de ser moi coñecido no municipio, non foi recollido no rexistro de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ata o mes de febreiro de 2013, coa clave de identificación GA27006037, despois de que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares nos interesaramos polo temaTamén llo comunicamos ao Concello de Becerreá para que o incluíra no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa que non figuraba no mesmo. Nese mesmo ano 2013, guiamos a un numeroso grupo de cativos e cativas, ensinantes e integrantes da Anpa do Ceip de Becerreá ata o enterramento.
 
 

E por último, este elemento patrimonial, entre outros, vai a ser sinalizado, proposta feita polo noso colectivo que foi aceptada polo órgano rector da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses do que formamos parte.


* Unha publicación do noso colectivo

No mes de agosto de 2017, a Deputación Provincial de Lugo editou Historias, lendas e tradicións do concello de Cervantes, unha recompilación feita polo noso colectivo. Aínda que levamos recollidas arredor de 400, no libro achegamos unhas 100. Se ben inserimos as máis coñecidas, a maioría son inéditas e que fomos recollendo da xente nos últimos seis anos.

A primeira edición, de case medio cento de exemplares, agotáronse en dous días, durante o mercado de artesanía celebrado en San Román e a Festa da Involución Educativa que tivo lugar en Doiras, xornadas promovidas e organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes.

A Deputación xa quedou en facer unha segunda edición.

 

* Foi Doncos (As Nogais) o Desoncos dos zoelas?

A tabula dos zoelas é un Pacto de Hospitalidade, dividido en dúas partes, acordado entre os Desoncos e os Tridiavos, dúas gentilitas do pobo dos Zoelas, pobo prerromano famoso polo seu traballo do liño, que di:

"Sendo cónsules Marco Licinio Craso e Lucio Calpurnio Pisón (27 d.C.), o 4 das calendas de maio, a gentilitas dos Desoncos, da gens dos Zoelas, e a gentilitas dos Tridiavos, da mesma gens dos Zoelas, renovaron o seu antigo e vetusto pacto de hospitalidade e todos eles, os uns aos outros, recibíronse na súa fe e clientela e na dos seus fillos e descendentes. Actuaron: Arausa, fillo de Blaceno; Turanio, fillo de Clouto; Dacio, fillo de Elaeso; Magilo, fillo de Clouto; Bodecio, fillo de Burralo; Elaeso, fillo de Clutano, por medio de Avieno, fillo de Pontilo, maxistrado dos Zoelas, feito en Curunda".

"O 5 dos idus de xullo do ano en que foron cónsules Blabrión e Hómulo (152 d.C.) a mesma gentilitas dos Desoncos e a gentilitas dos Tridiavos recibiron na mesma clientela e na mesma alianza a Sempronio Perpetuo Orniaco, da gens dos Avolgigoros, a Antonio Arquio da gens dos Visáligos, a Flavio Frontón Zoelas, da gens dos Cabruagénigos. Actuaron: Lucio Domicio Silo e Lucio Flavio Severo, en Asturica".

   
Como se pode apreciar, o texto fala da renovación duns pactos, dentro dun pacto anterior (de data non precisada), entre gentilitas da mesma gens, incluíndo, na súa segunda parte, a individuos doutras gens diferentes pero do mesmo pobo; un feito en Curunda, localidade que podería ser a citada nunha inscrición atopada no castro preto de Rabanales de Alcañices (Zamora), e outro en Asturica (Astorga), lugar onde se atopou a tabula.

Este texto xurídico está inserido nunha prancha de bronce de 32 x 24 cm, coroada por un frontón triangular en cuxo interior aparece a data consular.  O orixinal atópase no Staaliche Museem de Berlín e unha copia no Museo Romano de Astorga.

O motivo de traer aquí este hospitium é porque algúns investigadores sitúan a gentilitas dos Desoncos en Duancos, que identifican co Doncos das Nogais. García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que a maior parte dos escritores identifican aos Desoncos con Doncos, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas, mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Pero este autor, tamén de forma errada, lévaos para Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei.

Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança (Portugal), con capital no castro de Avelaes, tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata Miranda do Douro.

Tamén, sen fundamento algún, hai quen sitúa en Ouselle (Becerreá) o pobo dos zoelas (ver:  O mito zoela de Ouselle).

* O campamento romano da Cortiña dos Mouros

O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros atópase na serra dos Ancares, a cabalo entre as parroquias de Balboa (O Bierzo) e Vilarello (Cervantes). A parte máis elevada do monte, situada a 1.294 metros de altitude, presenta unha morfoloxía practicamente achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, actuando como divisorio de augas.

No ano 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O propio topónimo, O Circo (latín circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais de a un círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada. No ano 2000, a empresa Terra Arqueos redactou unha ficha para a Carta Arqueolóxica de Balboa designándoo como "lugar de habitación indeterminado" pero consierándoo como un antigo asentamento que podería estar relacionado coas mámoas dos Forniños (Vidal Encinas, 2015). En efecto, ao sur deste posible xacemento, distante uns 550 metros, nunha paraxe de monte baixo pertencente ao Bierzo, documéntanse tres túmulos do Neolítico (o Inventario de Patrimonio da Xunta de Galicia ubica a mámoa número 1, erradamente, en territorio galego). Recentemente, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos outras dúas mámoas ao norte, xa en terras do concello de Cervantes, a uns 150 metros do asentamento.

 

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotografías aéreas, LIDAR, etc.) evidencian a existencia dun posible campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeito ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de cortalumes e camiños arrasáronno na súa totalidade.

 

Este campamento da Cortiña dos Mouros, xunto co da Serra da Casiña, en Valverde (Balboa), gardan certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Portelo ou cos pasos naturais existentes con anterioridade á calzada romana (Menéndez Blanco et al., 2015), en cuxas proximidades se localiza a aldea do Comeal (ou Cumial) onde se documentou un agger da vía. Entre ambos os dous campamentos hai pouco máis de seis quilómetros. Por outra parte, no extremo occidental, a uns vinte quilómetros do Campo do Circo, descubríronse no ano 2010 os campamentos romanos da Recacha (Navia de Suarna) e a Granda das Xarras (Ibias, Asturias-Candín, León) que dominaban os pasos de montaña que unen os Ancares e Ibias. Sen esquecermos do da Huerga de Frades, en Villazala.

 

As características destes sitios arqueolóxicos indican que se trata duns castra aestiva de cronoloxía altoimperial romana, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as Guerras Astur-Cántabras (29-19 a.C.). Estas construccións actuaban como base de operacións onde se acuartelaban as tropas, onde se abastecían ás que estaban no frente, lugar de retirada no caso de seren fustrigados polas forzas locais, exploración dunha zona con recursos mineiros (só no concello de Cervantes están documentadas preto de 60 explotacións auríferas), infraestrutura de apoio á construción de camiños, etc.

 

Nos meses de febreiro e marzo de 2017, integrantes do noso colectivo peiteamos a zona removida polas máquinas (cortalumes) e as gabias feitas para a plantación de piñeiros (a parte mellor conservada, a do Bierzo, está cuberta por unha densísima matogueira) na procura dalgúns restos; a busca resultou infrutuosa, se ben é certo que neste tipo de asentamentos non é doado atopalos.

 

No ano 2011, uns veciños de San Miguel de Vilarello, de avanzada idade, contáronnos que no lugar había tres fornos de pedra para facer o cal que logo se utilizou na construción do castelo de Doiras. Daquí, tamén nos dixeran, os mouros levaban o ouro para agochalo na coñecida como Pena dos Mouros, situada non moi lonxe, preto da aldea de Riamonte de Baixo.

 

Para coñecer a cronoloxía do momento de ocupación do campamento do Campo do Circo (e do resto) é preciso emprender unhas serie de prospeccións e escavacións arqueolóxicas que nos poden amosar o protagonismo que tivo a serra dos Ancares no período de conquista e dominación romana de Galicia, e unha visión distinta das coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, denominación que cremos pouco atinada.