OS ROMANOS NA COMARCA DOS ANCARES

A presenza de Roma supuxo o final da cultura dos castros, dando paso ao período coñecido como Cultura Galaico-Romana. A comarca dos Ancares, como veremos a continuación, non foi allea ao proceso romanizador: castros romanizados, campamentos, calzadas, miliarios, mansións, aras, explotacións mineiras...

No ano 19 a.C. encomézase a construción dunha rede viaria que, ademais de asegurar o control político e militar do Imperio romano, facilitaba a explotación dos recursos económicos de Galiza. Cómpre salientar que en non poucas ocasións, os romanos aproveitaron os camiños prerromanos xa existentes, por veces abeirados con túmulos megalíticos. O coñecemento das vías romanas debémosllo, principalmente, ao chamado Itinerario de Antonino, redactado a principios do século III d.C., á Segunda Tábula de barro de Astorga e ao Anónimo do Rávena, obra do século X pero baseada en textos dos séculos IV e V. Con 299 millas, a Vía XIX era a máis longa e unía as capitais dos tres conventos xurídicos da Gallaecia: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga). A Vía XIX inaugurouse no ano 11 d.C. Ademais desta calzada, pola provincia tamén pasaba a Vía XX, coñecida como Per Loca Maritima (se ben de marítima só tiña dous tramos costeiros na provincia da Coruña), de época tardía e que estaría formada con tramos doutras. As vías son un dos elementos fundamentais no proceso de romanización xa que permitía artellar o territorio e moldealo segundo os intereses dos conquistadores. Aínda que na comarca dos Ancares non se atopan os tramos mellor conservados (as vías foron practicamente destruídas cando a construción do Camiño Real de Galiza, como asegura o historiador Javier Gómez Vila), si están os máis espectaculares.

A VIA XIX-XX
Para ver a información sobre as vías que discorrían pola comarca dos Ancares, consultar a entrada deste mesmo blog: As Vias XIX-XX polos Ancares.


CONCELLO DE BARALLA 

CASTRO DE CARBALLEDO
Apareceu unha ara romana, hoxe en día perdida, que Felipe Arias, que puido vela, descifrou as últimas liñas: EX VO/TO. Ao seu pé pasa a Vía XIX.
 

CASTRO DE POUSADA
O castro, romanizado, flanqueábao a Vía XIX que comunicaba Braga con Astorga (Itera Bracara Asturicam), asociada á explotación mineira. F. Arias sitúa aquí a mansio Timalinus.
 

A MANSIÓN TIMALINO
Hai autores que identifican Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado, coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II que, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas súas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalino é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus (Lugo), dirección Asturica (Astorga). Nun principio situouse en Campo da Árbore e Vilartelín, logo en Constantín, despois en Papín, e tamén en Pousada. Mais, como aclara Rodríguez Colmenero, a milla empregada neste sector é a de 9 estadios, uns 1.630 metros, multiplicando esta cantidade por 22 daríanos 36 quilómetros, distancia á que habería que situar a mansión.
Segundo Hübner, no seu Corpus Inscriptionum Latinarum, de Timalino poden ser os restos de dúas lápidas que dá como atopadas en Aranza, das que falo máis abaixo.    
Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua".
Hai investigadores que tentan localizar esta mansión botando man da toponimia. Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalon ao que outros chaman mécon e outros paralion, que daría o topónimo Baralla. Paralia/Baralla sería un lugar onde hai esta planta. Tithimalum ou tithymalis, segundo Nicandro Ares, ben podería dar Timalino. Mais, que eu saiba, non se conservan referentes.

A MANSIO CARANICO
Verea y Aguiar empraza a estación de Caranico en Vilartelín, a mansio coñecida tamén polos nomes de Caranicum ou Coroniom que Madoz sitúa en Guldriz (Friol) e que Monteagudo e Taboada trasladan a Trasparga (Guitiriz). Malia o dito, cómpre ser cautos, o Itinerarium provinciarum Antonini Augusti, coñecido como o Itinerario de Antonino, que recolle 372 vías terrestres coas súas mansións repartidas por todo o Imperio Romano, 34 das cales pertencen á Península Ibérica e tres delas (XVIII, XIX e XX) a Galiza, continúa a achegar moitas controversias. 

O AGRO DE PEDREDA
No mes de febreiro de 2012, cando ía visitar o castro de Todón de Abaixo, na parroquia de Cascallá, municipio de Becerreá, un veciño de Todón de 88 anos de idade mostroume unha base dunha columna de época romana que tiña na súa casa e que atopara no lugar coñecido como O Agro de Pedreda, nas proximidades da Ponte de Neira e do castro da Condomiña, en Baralla. A peza saíu á luz no ano 1932 ao realizaren os movementos de terra para facer unha estrada; xunto con outras columnas, tamén apareceran outros materiais construtivos como ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata. Polo lugar pasaría un dos ramais da vía que comunicaba Lucus con Asturica. En Ponte de Neira, nun xardín particular, vin un cruceiro que me chamou a atención. A cruz, moderna, asenta sobre un fuste liso e unha base, ambos os dous de granito e, sen dúbida, de época romana, atopados no mesmo lugar ca o anterior. Estaremos diante da ubicación definitiva da mansión Timalinus? Vázquez Seijas 81967) fala de restos romanos consistentes en materiais de construción, ladrillos, fragmentos cerámicos e algunhas moedas de ouro e prata. Javier Gómez Vila (2005), que tamén atopou restos semellantes, xa situou a mansio en Constantín, lugar ao que pertence O Agro de Pedreda.

 

VILA ROMANA DE QUINTELA
Atópase na mesma aldea de Quintela, na parroquia de Arroxo.
Totalmente abandonada. Nun camiño que a semicircunda, que estragou gran parte do xacemento, pódense ver a simple vista infinidade de tégulas. Moitas pedras de boa feitura que había no lugar foron reaproveitadas noutras construcións modernas.
No ano 2008, os veciños denunciaron publicamente e presentaron alegacións contra o trazado da liña eléctrica proxectada por Fenosa que, ademais doutros bens de interese patrimonial, afectarían ao castro que hai preto da aldea e causarían un impacto negativo sobre a vila romana, denuncia e alegacións que quedaron en papel mollado.
 

LÁPIDAS DE ARANZA
Atopáronse dúas lápidas votivas catalogadas por Hubner no seu Corpus inscriptiorum latinarum (1869). O epigrafista e arqueólogo alemán identifica Aranza con Aranz de Sanz, lugar aínda non localizado. Nunha lese: "IOV.OPT.MAX/Q.PV(BLIUS)/DIONYSIUS/EX VOTO", ("A Xúpiter Óptimo Máximo, moi bo e moi grande, Quintus Publius dionisius en cumprimento dun voto"). A outra, hoxe en día desaparecida, dicía: "TUTELAE/L. ANTONIUS/AVITUS.CVN/FILIS. ET.ZOSIMA.L/EX VOTO", ("A Tutela, Lucius Antonius Avitus cos seus fillos e Zosima, liberta, en cumprimento dun voto"). Verbo desta última deidade, Tutela, semella ter contado no Imperio romano con moitos seguidores entre os libertos e os escravos, identificando as súas funcións coas dun deus gardián. Canto ao sexo, crese que é feminino, mais existen exemplos de varias inscricións votivas nas que se menciona domo deus. 

LÁPIDA DE LEXO
Vázquez Saco, no Boletín de la Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria atopada na muralla romana de Lugo, custodiada no Museo Provincial, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo, encadrada nunha moldura baquetonada de 0,62 metros de altura por 0,88 de ancho. Posteriormente, en colaboración con Vázquez Seijas, publicáronna en Inscripciones Romanas de Galicia II. Provincia de Lugo (1954) onde propoñen unha lectura achegada por A. D´Ors e que cualifican como moi difícil. No ano 1979, Arias Vilas, Le Roux e Tranoy logo dun minucioso estudo, publican o resultado na colección Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, aínda que seguen a presentala como moi problemática. Malia os atrancos anteditos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tendo en conta as lecturas anteriores e os seus propios estudos ofrece o seguinte texto: "Martialis an (norum) X, Loveus an (norum) IX, Paternus an (nourum) III, s (ervi) e (x) C (invertido) (castro vel casa) castro Laedie (n) s (i); Gemel (l) inus Flori filiis" ("Marcial de 10 anos, Lovio de 9 anos, Paterno de 4 anos, servos do castro Laediense; Xemelino de Floro, aos Fillos"). Trataríase, pois, dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos de moi pouca idade, que levan nomes latinos. Remata Nicandro Ares que o nome do castro está escrito Laedies, polo que se podería aventurar a ubicación do Castro Laediense, identificado, quizais, co castro de Lexo.
  

ARA DE PAPÍN
Atopada en Papín no ano 1906 polo párroco de Penarrubia don Antonio Correa Fernández. Pódese ler: "LARIBV(S)/VIALIB(VS)/PLACID(I)/NA EX/(V)OTO P(O)/SUIT", ("Aos Lares Viais por Placidinia en cumprimento dun voto"); na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. Ao pé do castro de Penarrubia atopouse outra ara, hoxe en día desaparecida.
 

CASTRO DA CONDOMIÑA
Nas inmediacións apareceron restos de construcións, tégulas, cerámicas e moedas de ouro e prata de época romana. 

PONTE DOS MAZOS
Sobre o río Neira. Ponte de cadeirado e xisto, alombado cun arco de medio punto. Está considerada como romana se ben non existen indicios claros que o confirmen. Hai autores que lle atribúen unha cronoloxía do século XVIII. Xulio Pardo de Neira (1998) di que na ponte hai un sillar coa inscrición: "FACERE IVSIT/AVGVSTVS/IMPER ANNO CXII". Despois de peitear a ponte non atopei o epígrafe, e consultados os veciños nada sabían dela. Javier Gómez Vila (2005) tampouco atopou pegadas da mesma, engadindo que en calquera caso é imposible adscribila a Augusto xa que non posúe a fórmula imperial de inicio nin desprega posteriormente a titulatura parcial; como tamén resulta inusual a datación que presenta, xa que esta realizábase tanto pola vía da indicación do consulado como pola potestade tribunicia. 

PONTE DE ARROXO
Sobre o río Guimarei. Ponte dunha construída en cadeirado e xisto cun arco rebaixado de medio punto. Ao longo do tempo fixéronse varias reparacións e reformas. Gómez Vila (2005) insinúa que pode ter a orixe romana, se ben aclara que descoñece tanto a data de construción como o da reforma do arco.

CALZADA EN ARROXO E CONSTANTÍN
Restos de calzada en Arroxo en aceptable estado de conservación. Tamén están documentados restos na Serra de Constantín que Murguía, na súa Historia de Galicia, cualifica de cartaxinesa ou fenicia.
 

UNHA CARTA DO ANO 1935
Carta do avogado Estanislao Pinacho Aresti na que informa ao presidente da Academia da Historia de varios achados en Pousada. (Ver apéndice: Unha carta do ano 1935).

CONCELLO DE BECERREÁ 

XACEMENTO DO ENCIÑAL
O poboado, fortemente romanizado, foi descuberto cando as obras da A6. Segundo me contaron os veciños de Cadoalla, apareceron estruturas habitacionais de forma circular, cadrada e rectangular e unha muralla pétrea. Tamén saíron á luz varios obxectos, moitos dos cales foron mesturados cos cascallos e trasladados en camións para non se sabe onde. As intervencións de urxencia limitáronse a constatar a existencia do xacemento, dando paso á destrución do castro por medio das palas e da dinamita a finais do ano 1999. O camiño que pasaba a carón do castro era coñecido como Camiño da Antiga, topónimo que nada ten que ver, no presente caso, cun paso que existiu dende hai moito tempo ou servidume de paso a través de fincas alleas, senón coa calzada romana da que aínda se poden ver algún tramo e un miliario.
 

CASTRO DE FONTES 
Atopei un fragmento cerámico decorado realizado con terra sigillata, unha cerámica fina de orixe romana. 

CASTRO DE VILAR DE OUSÓN
Cara o río Narón hai varios aterrazamentos onde, segundo me contaron, apareceron nos anos setenta do pasado século dúas tumbas rectangulares feitas con laxes e cuberta con pranchas de lousa que acubillaban esqueletos humanos en bo estado de conservación; segundo as referencias, podería tratarse de tumbas de inhumación de época romana. Preto do río atopei un fragmento de tégula, a tella realizada con barro cocido usada para cubrir os tellados en época romana.
 

PONTE NEVIAE
Segundo recollen Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey en Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (2004), Ponte Neviae estaría situado na aldea das Pontes de Gatín onde se conserva unha ponte que podería ter orixe romana. Nos seus arredores apareceron tégulas e cerámica de clara filiación romana. Ademais, a distancia marcada no Itinerario de Antonino entre Lucus Augusti e Ponte Neviae (34 millas) aproxímase moito á distancia real entre Lugo e As Pontes de Gatín (56 km), o que corroboraría a utilización dunha milla de 1.647 metros. A identificación de Ponte Neviae coas Pontes de Gatín xa foi defendida por A. Blázquez no ano 1923, que fala do miliario anepígrafo que se ergue na parte superior da ponte, reutilizado logo para gravar unha inscrición viaria nos tempos de Carlos III que di: "El edifico/este puente/por orden del/protector/de los caminos/del pueblo/[...] roto/[...]".
 

PONTE DAS PONTES DE GATÍN
Alvarado Blanco, Manuel Durán e Carlos Nárdiz din que se trata dunha ponte, realizada en xisto, do século XVIII, cun arco lixeiramente apuntado e aliviadoiro de medio punto, non achegando ningunha referencia á orixe romana.

 

PONTE DE MADEIRA EN CRUZUL
Citado por Gómez Vila (2005). Sobre o río Cruzul. Trátase dunha ponte de madeira con estribos de cadeirado de granito. Non se conserva a estrutura de madeira. Localízase preto da ponte de Cruzul, construída durante o reinado de Carlos III que servía de paso ao Camiño Real. Puído formar parte da antiga vía romana.

BAIXORRELEVO DE VILARÍN
Atopado na finca coñecida como Vilarín, na parroquai de Ouselle. Trátase dun relevo en granito no que se representa un touro, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. A peza foi reutilizada na construción dun forno dunha olería, datada no século III d.C., aínda que o relevo parece de finais do século I ou da primeira metade do século II d.C. Crese que formaría parte dun friso de posible carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra. Publicado por Rodríguez Otero, custódiase no Museo Provincial de Lugo.
 

EXPLOTACIÓNS MINEIRAS
No municipio temos restos de explotacións auríferas de época romana en Vilar de Frades (Ouselle), Buisán (Quintá), Vilachá (Vilachá) e Fraián (Vilaiz). Entre os montes do Cancelo e da Reboleira documentáronse tres explotacións auríferas, consérvandose aínda dúas bocas de minas no primeiro; a primeira mina foi tapada ao facer unha estrada; dise que se comunicaban por debaixo do castro de Vilar de Ousón e do río Narón. 

CRUZUL
Restos de calzada.
 

OUSELLE
Rodríguez Colmenero (2007) fala das explanadas de Ouselle coas súas fendas laterais na rocha e a súa situación resaltada sobre un camiño lateral posterior que se encaixou nelas, en alusión ao paso dunha vía romana. En Ouselle, na finca coñecida como Vilarín, localizouse o relevo citado máis arriba. Antes da construción do Camiño Real, en Ouselle situábase o xulgado, a feira e a antiga xurisdición do Val de Ouselle. Logo, o centro da comarca pasou a Becerreá que xurde e se desenvolve ao redor das vías de comunicación.

CONCELLO DE CERVANTES  

CASTRO DE SANTA MARÍA DO CASTRO
Séculos I a.C.-II d.C. Orientado cara a explotación mineira de Roma. Ver a entrada Mámoas, petroglifos e castros do concello de Cervantes.
 

XACEMENTO DO CAMPO DO CIRCO OU DA CORTIÑA DOS MOUROS
Situado entre os concellos de Cervantes e Balboa (O Bierzo). Trátase dun posible asentamento emprazado nun cumio, que domina as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, facendo de divisorio de augas. O lugar foi acondicionado e transformado como hábitat, co acondicionamento dun pequeno cerco ou parapeito de terra que na actualidade non aparece ben definido debido aos intensos labores forestais e aos cortalumes que o arrasaron na parte galega. Atópase preto da vía XIX. Segundo me contou un veciño de San Miguel, no lugar, habitado polos mouros, había tres fornos para facer o cal que se utilizou na construción do castelo de Doiras. O mesmo veciño díxome que na cercana aldea de Riamonte de Baixo está a Pena dos Mouros, cunha cova onde estes seres fantásticos asociados a tantas lendas custodiaban un tesouro. É probable que se trate dun castra aestiva, un campamento temporal de época romana. (Ver en Apéndices: O campamento romano da Cortiña dos Mouros).
 

ARA DE SAN ROMÁN DE CERVANTES
Descuberta por don Justiniano Rodríguez no muro que pechaba a finca de don Antonio del Río, fronteiro co camiño de Vilar de Cancelada (Becerreá) a Seixas (aldea da parroquia de San Román de Cervantes). Hoxe en día atópase en poder de don José Antonio García, da Casa da Queitana, en San Román, gardada no baixo da vivenda. Segundo me contou don José, antes de seren levada para actuar como peche estaba na capela de Santiago, hoxe en día desaparecida. É de pedra de granito e mide 76 centímetros de altura. Trátase dun prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Na cara principal mostra a inscrición romana. Na cara menor dereita ten outra inscrición baixomedieval na que se le: ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI. A romana foi lida e interpretada, segundo este autor, de modo pouco crible. Novos informes permiten rectificar a súa lectura deste xeito: C. VALERIVS/CARVS/MIL. LEG. X./V. S. L M. É dicir: Caius Valerius Carus miles Legionis Decimae. Estaría datada no século I d.C. Trataríase dun soldado indíxena romanizado; como se sabe, os castrexos foron incorporados ao exército despois da conquista o que serviría para debilitar a capacidade de rebelión das poboacións indíxenas. 
O día 5 de xuño de 2014, cando a vimos por primeira vez, a ara estaba no baixo dunha casa, con caixas de mazás por riba e xunto un saleiro que estaba a deteriorar a pedra. Dende aquelas pedímoslle aos donos, infrutuosamente, que a donara ao Museo, ademais de que mentres a colocaran noutra parte, lonxe do sal e da humidade. O día 6 de febreiro de 2016 vímola de novo, a ara estaba a mellor recaudo, colocada nunha esquina do salón da casa.     
A aparición desta ara pode implicar un certo poboamento romano na zona, situado nunha primaria rede de comunicación relacionada coa explotación mineira. 
Arias Vilas (1979) cita unha inscrición en San Román de Cervantes da que só se len as dúas últimas letras dun posible teónimo, e que interpreta: NAVI.AE/SACRU.M. 

EXPLOTACIÓN AURÍFERAS
Mina dos Fócalos: Na parroquia do Castro. Trátase de dúas cortas de explotacións auríferas a ceo aberto de grandes dimensións, asociadas a mineralizacións de ferro, coñecidas como Fócalo Dacó e Fócalo Dalí. No seu lado leste documentouse tamén un depósito de explotación.
Mina da Franqueira: Na parroquia do Castro. Explotación aurífera a ceo aberto asociada á mineralización de ferro.
Mina do Ribadón: Na parroquia do Castro. Explotación aurífera a ceo aberto. Tamén se documentou a existencia de dous depósitos de explotación no seu lado leste e na cabeceira.
Mina da Viña da Moura: Na parroquia do Castro. Explotación aurífera a ceo aberto de grandes dimensións. Tamén se documentaron tres depósitos no seu lado leste situados a diferentes niveis que falan das distintas fases da mina.
Mina da Fornolleda: Na parroquia do Castro. Pequena corta de explotación a ceo aberto para ao beneficio de mineral aurífero.
Mina da Pataqueira: Na parroquia do Castro. Pequena corta a ceo aberto para explotación de ouro.
Mina da Ferrada: Na parroquia do Castro. Trátase dunha corta de explotación a ceo aberto para a extracción de ouro. A rede hidráulica esta baseada nunha infraestrutura de canles.
Mina da Trincheira do Val da Curuxas: Na parroquia do Castro. Pequena trincheira de explocación a ceo aberto. A rede hidráulica pasa ao pé do Castrillón, procedente do regueiro de Castelo.
Mina do Cavanín: Na parroquia de Cereixedo. Corta de explotación a ceo aberto para o beneficio de mineral aurífero primario asociado a mineralizacións de ferro.
Mina do Calangrón: Na parroquia de Cereixedo. Conxunto de dúas explotacións auríferas, de ferro e sulfuros de chumbo e zinc que foi levado a cabo mediante un sistema de explotación primario, que forma conxunto con outras catro situadas nas inmediacións, e unha explotación a ceo aberto de considerables dimensións.
Mina da Pasada das Trabas: Na parroquia de Cereixedo. Conxunto de tres explotacións de ouro en galería.
Mina de Barreiros: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera a ceo aberto, sobre mineralización de ferro e cobre que forma conxunto coa mina da Pasada das Trabas.
Mina do Fócaro: Na parroquia de Cereixedo. Explotación de ouro en galería.
Mina da Granda da Airiña: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera en galería asociada a mineralizacións de ferro, e sulfuros de chumbo e zinc que foi levado a cabo mediante un sistema bastante primario.
Mina do Casín: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera en galería. A construción dunha pista tapou a galería.
Mina da Volta do Val: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera en galería. Unha pista afecta á entrada.
Mina do Ouro Vello: Na parroquia de Donís. Explotación aurífera en galería.
Mina do Teso do Prado: Na parroquia de Donís. Explotación aurífera en galería sobre mineralizacións de ferro.
Mina da Braña Nova: Na parroquia de Noceda. Conxunto de tres explotacións en galería sobre mineralizacións auríferas, de ferro e cobre que foi levado a cabo mediante un sistema de explotación moi primario e que forma conxunto coas explotacións a cea aberto do Camín e Madre Dauga.
Mina do Camín: Na parroquia de Noceda. Conxunto de pozos e trincheiras, explotadas sobre mineralizacións auríferas de ferro e cobre.
Mina da Madre Dauga: Na parroquia de Noceda. Conxunto de dúas explotacións auríferas en galería e trincheira.
Mina da Furada do Corvo: Na parroquia do Pando. Explotación aurífera a ceo aberto, con mineralizacións de ferro e sulfuros de chumbo e zinc.
Mina das Raposeiras: Na parroquia de Quindous. Corta de explotación a ceo aberto, para o beneficio de mineral aurífero primario. Alterada por cultivos e algunhas pistas.
Mina do Souto: Na parroquia da Ribeira. Corta de explotación aurífera a ceo aberto para o beneficio de mineral, sobre un xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe esquerda do río Navia, nun pequeno meandro. Consta de tres zonas de extracción.
Mina das Pedregulleiras: Na parroquia da Ribeira. Mina aurífera de explotación a ceo aberto, sobre un xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe dereita do ría Navia nun pequeno meandro bastante pronunciado. Consta de dúas zonas de estracción dispostas en dous niveis.
Mina do Val das Mestas: Na parroquia da Ribeira. Corta de explotación aurífera a ceo aberto, sobre xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, situado na marxe esquerda do río Navia, nun pequeno meandro. Consta de dúas zonas de extracción dispostas en dous niveis.
Mina de Cabanas: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto sobre xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, con dúas zonas principais de extracción situadas na marxe esquerda do río Navia.
Mina de Monel: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto de grandes dimensións sobre xacemento secundario en aluvión que contén ouro libre, situado na marxe esquerda do río Navia, con dúas zonas de extracción.
Mina da Viña: Na parroquia da Ribeira. Pequena explotación aurífera a ceo aberto sobre un xacemento secundario en aluvión que contén ouro libre, situado nun meandro da marxe dereita do río Navia.
Mina de Requeixo: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe esquerda do río Navia. Consta de dúas zonas de corta.
Minas da Veiga: Na parroquia da Ribeira. Cortas de explotación aurífera a ceo aberto para beneficio de mineral en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe esquerda do río Navia.
Mina da Ponte da Burra: Na parroquia da Ribeira. Corta de explotación aurífera a ceo aberto en aluvión que contén ouro libre situada na marxe esquerda do río Navia. Consta de dúas zonas de extracción dispostas en dous niveis, chegando a máis baixa case ata o río Navia. Vense acumulacións de cantos rodados. Alterada por unha pista.
Mina da Ribeira de San Martín: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Alterada por cultivos.
Mina Val do Espino: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera de grandes dimensións, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Consta de dúas zonas principais de extracción. Alterada por cultivos. 
Mina dos Pedregais: Na parroquia da Ribeira. Pequena explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Consta de dúas zonas de extracción, chegando a primeira case ata o río.
Mina da Coroa de Rellaos: Na parroquia da Ribeira. Pequena explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre. Restos de cantos rodados de considerables dimensións. Alterada polas roturacións forestais.
Mina dos Grovos: Na parroquia da Ribeira. Corte de explotación aurífero a ceo aberto. Na cabeceira foi afectada pola estrada que vai de San Martín a Quindous.
Mina da Furada: Na parroquia de San Román. Pequena explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Vense os restos dalgunha estrutura de lavado feito a base de seixos.
Mina da Pena Tallada: Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Gran corte de explotación a ceo aberto para o beneficio de mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.
Mina das Furadas: Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Pequena corta de explotación aurífera a ceo aberto.
Mina do Caborco: Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Gran corte de explotación aurífera a ceo aberto, asociado a mineralizacións de ferro e sulfuros de chumbo e zinc. Alterada por unha pista que cruza o xacemento.
Mina da Cova dos Penedos: Na parroquai de Vilapún. Explotación aurífera en galería, asociada a mineralizacións de ferro e sulfuros de chumbo e zinc. 
A Cova da Moura: Na parroquia de Vilaquinte. Explotación en galería de posible orixe romana.  
Mina do Bronzo: Na parroquia de Vilarello. Trátase dunha explotación aurífera a ceo aberto de época romana que tamén foi explotada en época moderna.
Mina de Carbedos: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto sobre mineralizacións de estaños e sulfuros de chumbo e zinc. Tamén puído ser utilizada para extraer pedra calcária.
Mina dos Vidais: Na parroquia de Vilarello: Corta de explotación aurífera a ceo aberto.
Mina da Reboleira: Na parroquia de Vilarello: Explotación aurífera a ceo aberto de considerables dimensións, cun volume de material removido e vaciado directamente a un pequeno regato que conflúe no río Toural.
Mina da Cabaniña: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto.
Mina da Fonte da Cova: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto de pequenas dimensións, con material removido e vaciado directamente no río Toural.
Mina dos Cavorcos: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto de considerables dimensións. O material removido foi vaciado directamente ao río Toural.
Mina de Sieiriño: Na parroquia de Vilasante. Corta de explotación aurífera a ceo aberto directamente relacionada co asentamento da Pena Tallada e que actuaba como foxo.
Mina de Carballo Naregos: Na parroquia de Vilasante. Corta de explotación aurífera a ceo aberto.
Mina de Vilasante: Na parroquia de Vilasante. Gran corte de explotación aurífera a ceo aberto. Alterado por cultivos e algunhas casas de Vilasante.
Mina da Furada: Na parroquia de Vilasante. Explotación aurífera a ceo aberto sobre pequenas bandas cuarcíticas do Ordovicico Inferior intercaladas no contacto das lousas e cuarcitas do Cámbrico.
Mina do Grovo da Valiña: Na parroquia de Vilasante. Corte de explotación aurífera a ceo aberto.
Pala da Capela: Na parroquia de Vilasante: Posible galería de prospección situada nunha banda de mineralización que foi explotada noutos puntos.    

PENA DO CASTELO
Situada por riba da aldea das Pontes, parroquia de Donís, do río do mesmo nome e dunha ponte medieval de posible orixe romana. Segundo me contaron os veciños, existe a tradición de que na pena houbo unha torre de vixiancia de época romana. Malia o anterior, pode tratarse dun asentamento medieval.

 

ASENTAMENTOS 
Ademais dos castros romanizados, no concello localízanse outros asentamentos.  
A Froxa: Na parroquia do Castelo. Situado na ladeira oeste dunha das dosais que saen cara o norte na Serra da Treitoira, ocupando unha pequena ruptura da pendente.
Castro dos Suchavos ou A Borruga: Na cima dunha dorsal que é divisoria entre os ríos Quindous e Valgos, ocupando un pequeno rechán que domina unha zona entre ambos ríos e parte da cabeceira do río Navia. Componse de dous núcleos separados de habitat. Foi reocupado na Idade Media.
A Cubeliña: Na parroquia de San Román. Nunha dorsal divisoria entre os ríos Quindous e Seixas, ocupando un pequeno rechán que domina unha zona do alto. Documentouse material romano.
O Penedo da Cama: Na parroquia de San Román. Na cima dunha dorsal divisoria entre os ríos Quindous e Seixas, ocupando unha valgada entre dous pequenos outeiros.
Tras da Reboleira: Na parroquia de Vilapún. Situado no alto NO da Serra de Grandalonga, ocupando un sector da divisoria de augas dos ríos Pontorrón e Cancelada, dominando un sector de ambos cursos.
A Puída: Na parroquia de Vilarello. Situado na ladeira oeste da Serra de Grandalonga, ocupando unha pequena ruptura de pendente, onde o terreo describe un afloramento calcário. Alterado por cultivos e camiños.  

NECRÓPOLE
Na parroquia do Castro, no lugar coñecido como Castijuelo, situado entre as aldeas de Vilaluz e A Barra. A necrópole romano-medieval, con sepulturas de inhumación antropomorfa, sitúase a media ladeira dun monte, nunha pequena chaira, preto dun regato. As nove sepulturas localizáronse na década dos anos sesenta do pasado século XX.

CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA 

DOUS CAMPAMENTOS ROMANOS NA SERRA DOS ANCARES: A GRANDA DAS XARRAS E A RECACHA
As características destes xacementos, descubertos no ano 2010, indican que se trata duns castra aestiva, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as coñecidas como Guerras Cántabras (29 a.C.-19 a.C.). Estas construcións, xunto cos castra hiberna, servían como base de operacións para acuartelarse durante o inverno e de onde se abastecían ás tropas que estaban no frente. Nestes campamentos concentraríanse as unidades militares antes de lanzar un ataque e, tamén, actuarían como lugar de retirada no caso de seren frustigadas polas forzas indíxenas.
 

Ambos os dous campamentos, situados por riba dos 1.200 metros de altitude sobre o nivel do mar, distan entre si, en liña recta, pouco máis de 1.500 metros e emprázanse entre os municipios de Ibias (Asturias), Navia de Suarna (Galiza) e Candín (León), nas divisorias dos ríos Ibias e Balouta, tributarios do Navia, nun paso natural entre montañas. Como asentamentos temporais que eran, a súa pegada no terreo non é moi vistosa. En liñas xerais, constaban dun recinto de non moi grandes dimensións protexidos por foxo -fosso- e un talude -agger-, que se complementaba cunha cerca de madeira -vallum- e con liñas de estacas ramificadas -cervoli- que os soldados recollían durante a marcha.
As dimensión do recinto da Granda das Xarras, entre os concellos de Ibias e Candín, son de aproximadamente 305x185 metros e encerran unha superficie interior dunhas 5,5 ha, o que permite estimar o número de soldados que podería acoller. A media de superficie proposta para aloxar unha lexión móvese entre 17 e 28 ha, polo que este campamento acollería algunha unidade auxiliar ou ben a unha vexillatio formada por unhas poucas cohortes (Andrés Menéndez Blanco et Al., 2011). Unha vexillatio era un destacamento que podía comprender unha ou varias cohortes -cohors- dunha lexión, mandada por un centurión e que estaba formada por tres manípulos, con 160 soldados cada un. 
 

O xacemento da Recacha atópase dentro dos límites administrativos do municipio lucense de Navia de Suarna, na parroquia de Rao e lindeiro co concello de Ibias (Asturias). No seu momento, o inventario arqueolóxico da Xunta de Galicia xa fala dunha cerca que arrodearía un aterrazamento no cume de A Recacha, aínda que non precisa de que tipo se trata. O recinto sitúase nun esporón a 1.264 metros de altitude sobre o nivel do mar, cunhas dimensións aproximadas de 150x60 metros, arrodeado por un parapeito terreiro, cunha altura máxima dun metro na parte máis vulnerable, que encerra unha superficie de 0,7 ha que, de forma irregular, se adapta á topografía do terreo, mantendo, ata onde é posible, a traza característica dos castra aestiva, con trazos rectos e esquinas curvas, non apreciándose, a simple vista, outras estruturas defensivas, agás no lado NO onde si se aprecia o que puído ser un pequeno foxo apegado ao exterior do recinto (Andrés Menéndez Blanco et Al., 2011). Cómpre precisar que os lugares que ocupan estes xacementos foron aproveitados para uso agrícola e gandeiro polo que, seguramente, foron algo alterados.
Dende o xacemento da Granda das Xarras, ubicado nunha parte chá do terreo e unha boa posición defensiva, mantíñase un control da zona máis próxima, dominando as principais vías de comunicación e as zonas de acceso ao campamento e que actuaría como un castra aestiva de avance de tropas. Canto ao da Recacha, de menores dimensións (castra minora), situado nun esporón sobre o río Balouta, actuaría máis como un posto de control militar, como un punto de observación para vixiar o paso de montaña da serra de Penarrubia, fóra do control visual do da Granda das Xarras, asegurando esta zona desprotexida e comunicándose co campamento principal por medio de sinais ou polo envío de mansaxeiros no caso de perigo. En definitiva, o campamento da Granda das Xarras actuaría como o enclave principal e o da Recacha como secundario, complementando a visibilidade do primeiro.
 

Polo tanto, cobra forza a hipótese de que os dous asentamentos cumprirían unha función de control desta ruta de montaña para asegurar o tránsito militar e o transporte de subministros, mantendo aberta a liña de abastecemento das tropas que actuaban no frente, á vista do cal ben se poden relacionar estes campamentos con algunha acción bélica levada a cabo durante as Guerras Cántabras na conquista romana do Noroeste, comprobándose así algo que xa se sospeitaba: que Galiza tamén se viu envolta nestas guerras, localizándose na Serra dos Ancares a liña de avance máis occidental do exército romano cara a costa coñecida ata o momento.
Diante deste achádego, cómpre agora que as administracións públicas protexan estes enclaves, primeiro mediante a súa inclusión no correspondente inventario e logo promovendo as escavacións arqueolóxicas que permitan documentar en detalle as estruturas dos recintos e a busca de materiais (que adoitan ser reducidos neste tipo de asentamentos) para así achegar un pouco máis de luz sobre a conquista romana da Gallaecia en xeral e de Galiza en particular.
No mes de setembro do ano 2012, os concellos de Candín, Ibias e Navia de Suarna comprometéronse a poñelos en valor. No da Recacha, cuberto por abundante matogueira, o alcalde de Navia de Suarna xa anunciou que se ía proceder a desbrozar o terreo, recuperar as vías de comunicación e a sinalizar o xacemento, o que permitirá achegar os visitantes a este importante enclave. Aclarar que o xacemento de A Rechaba, aínda que inventariado pola Xunta de Galicia, non estaba identificado como un campamento romano.
No outono de 2013, investigadores do CSIC, dirixidos por Javier Sánchez e Almudena Orellas, realizaron as primeiras catas na Granda das Xarras onde confirmaron a existencia do campamento. O estudo de ambos os dous asentamentos enmárcase nunha investigación sobre as estratexias de control do territorio e dos recursos por parte de Roma, en particular das minas de ouro. No verán de 2014 continuarán os traballos.
 

CASTROS ROMANIZADOS
Mera (Barcia); Os Vilares (Barcia); Cabanela e Cantón (Cabanela); Folgueiras (Folgueiras); Sinada (Mosteiro); Larxentes (Muñís); Vilarantón (Muñís); Liñares ou da Corola (Queizán); Aigas (Rao); Meda (Rao); Santa Mariña (Ribón); Casas do Río (Son); Teso do Castro (Vilela-Son); Acevedo (Vilarpandín). 

CASTRO DE SANTA MARIÑA
O sitio arqueolóxico de Santa Mariña queda na aldea do mesmo nome, na parroquia de Ribón. O día 27 de marzo de 2016, integrantes do noso colectivo localizamos nun derrube do muro perimetral un anaco cerámico decorado, escouras de mineral de ferro, un anaco de tégula e unha moeda romana de bronce, posiblemente do emperador Crispo, datada arredor do ano 320 d.C. Ademais tamén atopamos dúas fouces e unha copa de vidro sen pé de cronoloxía incerta. Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo e ao Concello de Navia de Suarna. As pezas depositámolas o día 29 de marzo no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para o seu estudo e custodia. (Ver Apéndice neste mesmo blog: Unha moeda romana en Navia de Suarna. E algo máis...).
 
 

EXPLOTACIÓNS MINEIRAS
Abeleda (Mera-Barcia): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Arroxiña (A Arroxiña-Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
Barcia (Barcia-Mera): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe esquerda do río Navia.
A Barrela (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Barria (Abrente-Mosteiro): Na marxe esquerda do río Navia. Explotación aurífera a ceo aberto.
O Calexón do Cuedo (Embernallas-Muñís): Complexo mineiro para desviar as augas do río cunha ampla zona de extracción.
O Carballal (Abrente-Mosteiro): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Carballal da Veiga (A Pobra de Navia): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia.
O Cemiterio (A Pobra de Navia): Explotación aurífera a ceo aberto practicamente destruída.
A Cerrada (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Cobertoirada (Mera-Barcia): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia. 
Cova de Castañedo: Explotación aurífera situada no curso medio do río Navia. 
Cova dos Mouros (Abrente-Mosteiro): Cova natural situada en terreo calizo, a media ladeira do Altodo Piquillo. Posible galería de prospección de época romana.
Cova da Pena dos Mouros (Ribón): Pequeno abrigo sobre cuarcita a media ladeira do monte de Ribón, na marxe dereita do regueiro de Cantorcia. Posible galería de prospección de época romana. 
A Farrada (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Fontallón (As Covas-Castañedo): Explotación aurífera na marxe esquerda do rego de Castañedo, rapidamente abandonada.
A Fontela (Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto, con aluvión procedente de xacementos primarios que contaba cun único sector de extracción.
Furada dos Mouros (Sinada-Mosteiro): Galerías na parte alta da Valiña, na marxe esquerda do río Vilares. Posible galería de prospección de época romana.
A Garduñeira (Vilarantón-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto, cunha única zona de extracción, nun meandro da marxe dereita do río Navia.
As Grileiras (Prebello-Rao): Dúas trincheiras e un pozo a ceo aberto.
Maiseiro (A Arroxiña-Penamil.): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Mede (Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
Meduas ou Escanarega (Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto. 
Pena do Corvo (Vallo): Explotación aurífera a ceo aberto.
Pena da Cova (Pin de Abaixo-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Pena Furada (Folgueiras): De época indeterminada. 
Pena dos Mouros (Ribón): Trátase dun pequeno abrigo cuxa parte posterior foi traballado a pico. Posible galería de prospección de época romana.  
Pena de Murias (Murias-Rao): Gran afloramento de cuarcita, a media ladeira da Serra do Brañal, na marxe dereita do río Murias.
O Pandelo (Arcón-Son): Explotación aurífera a ceo aberto.
Pedredo (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto. 
Penas Enteiras (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Preira (Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Ramalleira (A Arroxiña-Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Reboleira (Mera-Barcia): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Remuín (Pin de Abaixo-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Río de Pé (Abrente-Mosteiro): Exploación aurífera a ceo aberto.
Sagradelo (Freixís): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia.
Seara da Veiga (Pin de Abaixo-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Terras Rubias (Vilarguende-Queizán): A media ladeira, na marxe esquerda do rego Cabanela. Trincheira a ceo aberto cunha rede hidráulica procedente do río de Cabanela.
Teso do Cortín (Trigal-Galegos): Explotación aurífera a ceo aberto na ladeira do Pico do Seixo. 
As Torres (Penamil): Aproveita un outeiro testemuña da explotación aurífera na parte baixa da Serra de Pedruñais, na marxe esquerda do río Navia.
Vales (A Arroxiña-Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Veiga (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Veiga da Fragua (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
Veiga de Lastras (Freixís):  Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia. 
Veiga do Pomar (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
Veiga da Volta (Robledo-Son): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Viña (Trigal-Galegos): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Viña da Penasinceira (Penasinceira-Galegos): Explotación aurífera a ceo aberto. 
 



  
O HORTO DOS MOUROS OU PENAS DE MONTERRÍO
Nas Ferreirúas, parroquia de Cabanela. Xacemento situado no cumio dun outeiro arrodeado por un afloramento rochoso, cuberto por piñeiros de repoboación e monte baixo. Trátase dunha grande explanada alongada. Descoñecemos se se trata dun castro, un asentamento romano ou medieval. Non se observan estruturas. Referencias orais. 

ALDEA DE MURIAS
No mes de agosto de 2011, cando visitei a Pena de Murias, un veciño faloume de dous sitios pertencentes á aldea de Murias (parroquia de Rao), o monte Treitoiro e As Pereiras, onde apareceron restos cerámicos e muíños circulares, hoxe en día gardados nunha casa. Non estaría demais comprobar a existencia dalgún tipo de xacemento nestes lugares que, segundo a tradición oral, estiveron habitados polos mouros e polos romanos.
 

CONCELLO DE AS NOGAIS 

Aínda que as últimas investigacións apuntan a que a mansión de Ponte Neviae se ubicaría nas Pontes de Gatín, en Becerreá, hai autores que sosteñen que quedaría en As Nogais. Así temos a Saavedra (1862), Monteagudo (1951) ou Villanueva González (2006). Pola contra, Blázquez (1923), di que polas Nogais non pasaba a vía XIX do Itinerario de Antonino, senón que unía a mansión recollida no Anónimo de Rávena de Ponte Abei (Santiso, A Fonsagrada) e Uttaris (Ruitelán, no Bierzo) a través de Navia de Suarna.
En Santo André, na faldra meridional do monte Redondo, na zona coñecida como O Carballal, a ambas as dúas marxes do regueiro de Santo André, apareceron restos cerámicos, tégula e pequenos fragmentos de opus caementicium.  

EXPLOTACIÓN AURÍFERA
Explotación a ceo aberto de mineral de ouro do Lavadoiro ou Banzado de Golmar, situada entre os límites de As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Todo apunta a que a explotación apenas si comezou a funcionar cando foi detida definitavamente. 

PONTE DE BALARGANTES
Sobre o río Navia. Ponte de madeira con estribos de pedra de xisto e granito sobre o río Navia. Javier Gómez Vila (2005) di que se acusan varias reparacións, sendo a última na primeira metade dos anos oitenta do pasado século XX. Por aquí pasaría a vía romana.
 

DOCUMENTO
Carta enviada polos xuíces de Doncos e Noceda o día 22 de setembro de 1767, suplicando que se trace o Camiño Real de acceso a Galiza pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita. A resposta foi enviada polo enxeñeiro xefe don Carlos Lemaur o día 2 de decembro de 1767. Custódianse no Arquivo Xeral de Simancas.

CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO 

EXPLOTACIÓN AURÍFERAS
Mina do Lavadouro ou Banzado de Golmar (Foxos-O Cebreiro): No límite dos concellos de Pedrafita do Cebreiro e As Nogais. Explotación a ceo aberto de mineral aurífero. Todo apunta a que a explotación apenas si comezou a funcionar cando foi deida definitivamente.
Mina do Couso (A Lagúa-OCebreiro): Explotación aurífera da ceo aberto.
Mina da Toca (Paparón-Lousada): Explotación aurífera a ceo aberto. Na beira dunha escarpada falla sobre o regueiro de Vilela, na desembocadura do río Lor.
Mina de Torubio (Paparón-Lousada): No límite dos concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Explotación aurífera a ceo aberto. Obsérvanse uns impresionantes desmontes. O sistema de subministro hidráulico, fundamental para este tipo de explotacións, componse dun mínimo de seis canles principais, coas súas respectivas canles secundarias de ataque.
Mina dos Buracois (Lousada): No límite entre os concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Mina a ceo aberto para a explotación de ouro.
Mina de Tras as Torres (Riocereixa): Explotación aurífera a ceo aberto. Na zona máis baixa da explotación utilizaron o sistema de arugiae.



Colectivo Patrimonio dos Ancares
A Romanización