MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS DO CONCELLO DE BARALLA

MÁMOAS E ANTAS

QUINTELA
En Quintela, parroquia de Arroxo.
No mes de outubro de 2012, uns veciños que teñen unhas leiras xunto o castro de Quintela contáronme que hai algúns anos, ao arar o terreo, sacaron á luz unhas pedras chantadas que sobresaían do chan máis dun metro e que estaban cubertas baixo un túmulo, feito que fai pensar na existencia dun posible enterramento megalítico do que non quedan restos.
 

BARALLA 
Na parroquia de Baralla. Teño unha referencia oral. Enterramento non recollido no PXOM do Concello. 

MONTE PANDO 
No monte Pando, parroquia de Berselos. Só teño unha referencia oral. Non recollido no PXOM do Concello. 

SERRA DE CONSTANTÍN 
Monte do Penedón, na parroquia de Constantín.
Javier Gómez Vila, en Caminos y túmulos. Aproximación al estudio de los caminos megalíticos en el noroeste peninsular (Actas do III Congreso do Neolítico na Península Ibérica, celebrado en Santander no ano 2003) di que a rede viaria na provincia de Lugo pon de manifesto a existencia dun elevado número de mámoas nos trazados romanos, que elixirían estas rutas megalíticas pola súa idoneidade. Os túmulos tamén serían moi importantes na Idade Media para determinar o trazado dos camiños. Na documentación dos mosteiros de Monfero (ano 1215), Samos (ano 1243) e Penamaior (ano 1332), analizada por Gómez Vila, reflíctese a abundancia de xacementos megalíticos no trazado dos camiños. No primeiro caso localizou oito túmulos, seis no segundo, e outros seis no terceiro, todos na propia serra de Constantín e estribacións, non coincidindo, neste caso, nin coa vía romana nin co Camiño Real de acceso a Galiza. O documento de Penamaior recolle unha doazón dunha herdade de Lodeiros, en Constantín, que di: "Vay firir na outra mamoa de fondo como vay pola carreyra da serra que vay para Gondian".
 

A necrópole do Monte do Paredón está formada por dous enterramentos. A primeira mámoa ten unhas medidas aproximadas de 11 metros de diámetro e unha altura de 1,40 metros; obsérvanse restos de coiraza pétrea. 
A segunda mámoa ten unhas medidas aproximadas de 8 x 9 metros e 1,60 de altura; conserva restos da coiraza pétrea, do cráter de violación sobresaen os restos dos esteos da cámara. 
Segundo a lenda, que fala de que a anta tiña tampa, un criado atopou un tesouro o que o converteu no amo da casa na que servía.  

TRASPENA
Na aldea de Traspena., parroquia de Covas. Só dispoño dunha referencia oral. Non recollido no PXOM do Concello. 

LEBRUXO
Nas inmediacións da igrexa parroquial de Lebruxo. Só teño unha referencia oral. Non figura no PXOM do Concello. 

MONTE DA SERRA
A case 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar, lindeira entre as parroquias de Lexo (Baralla) e Vilaesteva (Láncara).
A mámoa, sen catalogar, está situada preto dun camiño que discorre entre os concellos de Baralla e Láncara, nas proximidades do lugar coñecido como A Campa do Castro e non moi lonxe das Covas de Saballeiros (Becerreá). Trátase dun túmulo duns 18 x 16 metros, 1,5 metros de altura e profundo cráter de violación. Sobre ela plantaron piñeiros e obsérvanse nidiamente as rodeiras dos tractores adicados a transportar a madeira. Localizada o día 17 de abril de 2013.
 

LEXO 
Na parroquia de Lexo. Dispoño dunha referencia oral. Non recollida no PXOM do Concello de Baralla. Pode tratarse da do Monte da Serra que cito máis arriba, lindeira entre as parroquias de Lexo (Baralla) e Vilaesteva (Láncara). 

A MEDORRIÑA 
En Lamas, parroquia de Pacios. A 800 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Trátase dunha mámoa situada no interior do castro da Croa ou de Lamas. Prácticamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 20 metros de diámetro, e unha altura de 1,25 metros. Non se observa cráter de violación nin de coiraza pétrea. Ao atoparse dentro do recinto castrexo e tratarse dun lugar que foi utilizado posteriormente para os labores agrícolas, é probable que perderá parte da masa tumular.
A presenza da mámoa amplía en milleiros de anos a época de ocupación do lugar e os diferentes usos que se deron á zona ao longo dos séculos.
 

MEDORRA DE COTO REDONDO 
En Lamas, parroquia de Pacios.
Túmulo practicamente destruído por un muro de pedra que a corta pola metade. Presenta cráter de violación.  

A MEDORRIÑA  OU COTO REDONDO 
En Mazaílle, parroquia de Pacios.
Mámoa cunhas medidas aproximadas de 21 metros no eixo máis longo e de 19 no menor, cunha altura de 1,30 metros, achandada na parte superior. 

O QUEIMADO  
Na parroquia de Pacios, entre os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde. 
Necrópole formada por cinco enterramentos, unha no concello de O Corgo. Os túmulos teñen unhas medidas que van dende os oito aos dez metros de diámetro e unha altura entre 0,50 e 0,80 metros; todos presentan restos de coiraza pétrea; unha das mámoas foi cortada por un camiño e achandada polos labores agrícolas. 
 

POL
Na parroquia de Pol está o coñecido como Campo das Medorras, mais non temos referencias de ningún túmulo. 

POUSADA 
Nas proximidades da igrexa parroquial. A única referencia é oral. Non recollida no PXOM do Concello. 

VILACHÁ 
Na aldea de Vilachá, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. Non dispoño de máis datos que unha referencia oral. Non recollida no PXOM do Concello. 

SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
Mámoa próxima á igrexa parroquial. Só dispoño dunha referencia dun documento de principios do século XX. Non recollida no PXOM do Concello. 

MACHADO NEOLÍTICO
O día 14 de xuño de 2015 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares fomos invitados por José Ángel Revaldería ("Roldán") a súa casa natal para ver unha inscrición e uns símbolos insculpidos no arco dun anexo da vivenda, hoxe en día en ruínas e do que pouco lle puidemos aclarar. Despois preguntámoslle se sabía algo sobre unha mámoa que había nas proximidades das igrexa, contestándome que non tiña coñecemento delo. Foi entón cando nos comentou que hai uns vinte anos atopou nunha gabia, producida polas fortes choivas, un "pedra curiosa". Cando nola amosou axiña vimos que se trataba dun machado neolítico realizado en seixo e moi ben puído, de forma tirando a triangular e cuxas medidas son: 8,5 cm de longo, 5 cm de ancho, 2 cm na parte superior e 4 cm no fío lixeiramente curvado. Localizouna no monte da Chafarica, situado por riba da aldea dos Mazos, a uns 650 metros de altitude. Polas pequenas dimensións e o excelente estado de conservación cremos que se pode tratar dun machado votivo procedente dunha mámoa que había no lugar, na actualidade moi achandado por un cortalumes e a mesta repoboación forestal. (Ver a entrada Apéndices).
 

MACHADOS NEOLÍTICOS 
O día 12 de marzo de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a aldea de Mazaílle, en Baralla, para falar con don Guillermo Frey Lamela quen se puxo en contacto con nós para amosarnos unhas pezas de “forma curiosa” que garda na súa casa dende hai moitos anos, tantos que xa estaban en poder, ao menos, dende a época dun seu avó. Nada máis velas axiña as identificamos como dous machados de pedra puída do Neolítico, feito que nos produciu unha enorme alegría, tanto polas pezas en si como por tratarse duns exemplares pouco frecuentes na comarca dos Ancares e na mesma provincia de Lugo. Ata o presente, deste período só tiñamos documentadas nos seis concellos da comarca dúas pezas, unha en Padornelo (Cervantes) e outra en San Martín de Neira de Rei, tamén en Baralla, que demos a coñecer no mes de xuño de 2015. Máis información en Apéndices. 
 

SOBRADO 
Na parroquia de Sobrado de Picato. Referencia oral. Non recollida no PXOM do Concello. 

MONTE DAS ARCAS 
En A Mocha, na parroquia de Vilartelín.
Trátase dun monte situado a 677 metros de altitude sobre o nivel do mar, próximo á estrada de Baralla a Lugo.
Sábese que un dos túmulos que formaban a necrópole desapareceu por mor dos traballos de acondicionamento dos prados existentes na zona. O lugar onde ao parecer había outra mámoa é probable que fora achandada polas máquinas ao acondicionar o terreo para repoboar o monte con ecucalíptos.
A única mámoa que se conserva ten unhas medidas duns 40 metros de diámetro e unha altura de 1,80 metros. Sobre o túmulo vense varias pedras que poderían formar parte dunha coiraza pétrea. Alterada polos labores agrícolas.

PETROGLIFOS

PENA DO OSO
Traigo aquí este petroglifo porque se atopa no límite das parroquias de Covas (Baralla) e de Armea (Láncara), en terreos pertencentes á aldea de Leirado, no concello veciño.
Trátase dun afloramento rochoso lixeiramente inclinado cunhas dimensións aproximadas de 3 x 4 metros. Na pena insculpíronse unhas sesenta coviñas, algunha con suco, e as letras L e S de factura posterior. O S, no PXOM do Concello de Baralla, interprétase, erradamente, como un serpentiforme. Pode que as letras fagan alusión a dous lugares en que a pena actuaría como marco divisorio, mais ignoro a cales se poden referir. Quizais o L se refira á aldea de Leirado, canto ao S non atopei ningún sitio, nin na macrotoponimia nin na microtoponimia que achegue algo de luz. Os veciños tampouco non souberon alumarme a solución.

CASTROS


CASTRO DA CARBALLEIRA
Localizado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 8 de xaneiro de 2017. 
Castro situado nun outeiro a 508 metros de altitude, no lugar coñecido como A Carballeira, entre a estrada LU-P-0503 que vai dende a capital municipal á parroquia de Aranza, o río Neira e o rego de Abredo.
De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 110 metros no eixo norleste-suroeste e 75 metros no eixo noroeste-sureste. Estaba defendido en todo o seu perímetro polo forte desnivel do terreo, con dous aterrazamentos, agás polo noreste, a parte máis vulnerable, por onde tería a entrada, que estaba protexido por un profundo foxo. Dentro do recinto, na parte noroeste, obsérvase unha pequena croa duns 30 por 40 metros arrodeada por unha pequena muralla de terra e pedras e o foxo citado máis arriba.
Na actualidade, a maior parte do castro utilízase para pasto. Na croa, cuberta pola maleza, hai carballos plantados. Ao longo dos anos sufriu diversas alteracións. Polo medio do castro fixeron un camiño que o atravesa case na súa totalidade, e outro camiño bordéao polas caras norte e oeste; este último alterou de forma significativa as defensas. Polo suroeste sufriu unha importante transformación cando habilitaron esta parte para os labores agrícolas. O foxo tamén foi utilizado en época moderna para a extracción de pedra. Na parte norte vese unha casa de pedra en ruínas e cuberta na actualidade pola maleza. O castro tamén está atravesado por unha liña de media tensión.
Mantiña unha boa comunicación visual cos castros de Pousada e Ferreiros.




CASTRO DE PONTÓN OU DE MÉNDEZ  
En Pontón, parroquia de Aranza, lindeiro coa parroquia de Pol. 
Presenta forma tirando a ovalada cun único recinto, cunhas medidas aproximadas de 110 x 100 metros. Polo leste presenta unha sucesión de foxos, parapeito e terraplén; polo norte foxo, parapeito e foxo. Tamén se observan dúas plataformas defendidas por terrapléns.
Hai autores que identifican a pobación de Aranza con Aranz de Sanz, lugar non precisado onde apareceu unha lápida votiva, desaparecida, adicada á deusa Tutela e cuxo texto, segundo Hubner, dicía: "A Tutela por Lucius Antonius Avitus cos seus sete fillos e Zozima, liberta, por unha promesa". 
  
CASTRO DE QUINTELA 
Na aldea de Quintela. Parroquia de Arroxo.
Situado a 606 metros de altitude sobre o nivel do mar, no lugar coñecido como Monte do Vilar, preto do regueiro de Vilachambre.
Practicamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 120 x 120 metros. Defendido en toda a contorna por un parapeito e terrapléns cubertos na actualidade por árbores e outra vexetación. Tamén se observan partes dunha muralla pétrea. Polo norte apréciase un sistema defensivo de foxo, parapeito, foxo, parapeito, foxo e terraplén. O interior do recinto adicouse a labores agrícolas. Contáronme que na croa hai unha cova abeirada por dúas pedras chantadas en forma de porta (que non puiden ver pola espesa matogueira)  e en cuxos muros interiores "hai unhas pinturas". Apareceu, ao menos, un muíño naviforme e, disque, unha navalla.
Segundo a lenda, os mouros habitaban en covas construídas baixo o castro onde agochaban un tesouro e para contentalos os veciños levábanlle alimentos. Cóntase que a cova vai a dar ao regueiro de Vilachambre. Dise que había un pozo, hoxe cegado, onde acostumaban botar unha aguillada para comprobar a súa profundidade. E que os mouros levaban os cabalos a beber a unha fonte que hai ao pé do castro.
No ano 2008, veciños do concello denunciaron publicamente e presentaron alegacións contra o trazado da liña eléctrica proxectada por Fenosa que, ademais doutros bens de interese patrimonial, afectarían ao castro. As obras tamén causarían un impacto negativo sobre a vila romana de Quintela.
O PXOM publicado na páxina do Concello en outubro de 2013 cítao como Castro de Teixeira.
 

CASTRO DE BARALLA
Na parroquia de Baralla. Ainda que me falaron dun castro situado na parroquia, debe tratarse do lindeiro das Croas, en Gundián, na parroquia de Constantín. 

CASTRO DE BERSELOS
No monte Pando, parroquia de Berselos.
Presenta un recinto de forma oval delimitado en todo o seu perímetro por un parapeito, agás polo leste que está defendido por un terraplén. Obsérvanse uns foxos polos lados norte e sur. As defensas da parte norte foron parcialmente destruídas ao construír unha rampa de acceso. 

CASTRO DAS CROAS OU OS CASTROS
Na aldea de Gundián, parroquia de Constantín.
Situado no Alto das Croas, a 634 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Defendido en todo o seu perímetro por un terraplén. Polo NO obsérvase un parapeito e un foxo. A parte NL atópase parcialmente destruída por un valado que cortou o castro.
Entre outras ubicacións, algúns autores emprazan en Constantín a mansio Timalinus, hipótese tirada da Xeografía de Ptolomeo, do século II, quen tentou situar unha xeira de lugares coas súas coordenadas xeográficas que, trasladadas ás actuais, non concordan. O xeógrafo grego ergue esta mansio nos 44º 30´ de latitude e nos 8º 30´de lonxitude cando, en realidade, Constantín está nos 42º 53´de latitude e nos 7º 14´de lonxitude. Si se aproxima o Itinerario de Antonino que sitúa o asentamento a XXII millas de Lugo (uns 32,5 km). Conxecturas que tamén a levan ata A Codomiña ou Vilartelín. Outros historiadores mesmo dubidan de que Timalino e a Talamina de Ptolomeo sexan o mesmo.
 
CASTRO DA CROA
Na aldea de Traspena, parroquia de Covas.
Situado nun esporón calcário sobre a aldea de Traspena e o río Neira. Trátase dun pequeno castro, duns 90 x 70 metros, delimitado por terrapléns que en parte aproveitan os afloramentos naturais. Polo sur presenta uns pequenos aterrazamentos. Non se observa ningún tipo de estrutura defensiva ou habitacional, só polo oeste se aprecian os restos do que puido ser un foxo. A comunicación visual coa contorna é limitada. Vázquez Seijas, na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia (1973), cita aquí unha torre medieval da que non se coñecen restos.
 

Na croa está a coñecida polos veciños como "A Pena da Golondrina" onde se ve un furado que semella feito pola man do home, mais ignórase cal sería a súa función.
 

CASTRO DE VILASANTÁN
Na aldea de Vilasantán, parroquia de Covas. Situado a 604 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Láncara e próximo ao regueiro dos Cochos.
Érguese nun outeiro xistoso, cuberto por árbores e matogueira. Na cima hai unha cova cuxa entrada foi parcialmente destruída hai algúns anos por unha pa escavadora. 
Uns veciños contáronme que os moradores do castro baixaban por ela aos cabalos para que beberan nun regueiro que discorre ao pé do monte. Tamén me relataron que a mediados do século pasado un veciño da aldea, que aínda vive eque estaba a arar a terra, rompeu unha ola de barro co arado, o vento esparexeu polo lugar o que creu po mais, cando volveu a mirar, decatouse de que o que levara o vento era po, si, pero de ouro.


OS CASTROS ou CASTRO DE FERREIROS
Na parroquia de Ferreiros.
Presenta un recinto de forma irregular delimitado por terrapléns moi pronunciados, agás polo sur onde aínda se observan os restos dun parapeito. Polo norte ten unha terraza defendida por un terraplén.

CASTRO DE CALVELA
En Calvela, parroquia de Ferreiros. A 759 metros de altitude sobre o nivel do mar.
De forma irregular está delimitado por un terraplén, agás polo NO que presenta un parapeito. O interior está organizado en dous niveis separados por un terraplén. Polas caras sur e oeste obsérvanse un aterrazamentos defendidos por terrapléns.
Segundo algúns estudos, a Vía XIX circunvalaba o castro, atravesaba o río de Vilachambre por unha pequena ponte de pedra e subía ata Arroxo. A calzada, despois de atravesar Baralla e continuar pola serra de Constantín, embocaría na mansio Timalinus.
Xunto un muro do castro atopei uns anacos cerámicos lisos. 

CASTRO DE LAXES
Na parroquia de Laxes. A 608 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Prácticamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 120 x 11o metros. Presenta un só recinto defendido en todo o seu perímetro por un parapeito e polo desnivel do terreo. Foi utilizado para labores agrícolas.
No castro existe unha cova que, segundo a lenda, utilizaban os romanos para baixar cara un regueiro que hai aos pés para coller a auga.

O CASTRO DE LEBRUXO OU DE CRESCÓN
Nas inmediacións da cabeceira parroquial de Lebruxo e lindeiro coa aldea de Crescón, na parroquia de Toirán, concello de Láncara. A 627 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Presenta unha planta de forma ovoidal cunhas medidas aproximadas de 150 metros no eixo máis longo e de 125 no menor. Polo leste e norte está delimitado por un terraplén, polo sur por un sistema de parapeito, foxo e terraplén, polo oeste por un parapeito que é por onde se observa un acceso flanqueado por unha dobre muralla. Plantado de carballos e cuberto pola matogueira, obsérvanse pedras de cuarzo esparexidas por todo o recinto. Boa comunicación visual cos castros da Igrexa e de Lebruxo.
 

CASTRO DA IGREXA
Na parroquia de Lebruxo.
O castro levántase sobre un outeiro situado a uns 630 metros de altitude sobre o nivel do mar. A igrexa parroquial e o cemiterio construíronse no interior do asentamento.
 

Tirando a circular, ten unhas medidas aproximadas de 90 x 75 metros. Polo norte está delimitado por parapeitos, no oeste e sur por terrapléns. Aprécianse restos da muralla pétrea. Un camiño cortou o parapeito pola parte oeste.
 

Polo N-L obsérvase un pequeno antecastro defendido por unha muralla de lousa e terrapléns. Aínda que a simple vista non se observan restos de construcións habitacionais, si se poden ver anacos de lousas e cuarzos pola superficie. Boa comunicación visual cos castros de O Castro e de Lebruxo.
 

CASTRO DE LEBRUXO OU XESTEDA
En Lebruxo, nas inmediacións da cabeceira parroquial. A 604 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Presenta unha planta de forma alongada cunhas medidas aproximadas de 220 metros no eixo máis longo e de 175 no menor. Arrodeado en gran parte do seu perímetro por unha muralla de terra e pedras, foxo e un pronunciado terraplén, agás polo norte, a parte menos vulnerable, que está protexido polo forte desnivel do terreo. Acaroado polo oeste obsérvase un posible antecastro. Polo sur, por onde discorre un camiño, debía de estar a entrada principal. Polo interior, as murallas teñen unha altura que vai de un a dous metros. Tanto o recinto principal como o antecastro están adicados a labores agrícolas. A simple vista non se aprecian restos de estruturas habitacionais. Boa comunicación visual cos cercanos castros da Igrexa e O Castro que se erguen na mesma parroquia.
 

CASTRO DE LEXO
Na aldea do Castro de Lexo, parroquia de Lexo. A 740 metros de altitude sobre o nivel do mar.
O castro levantábase sobre un pequeno outeiro coñecido polos veciños do Castro de Lexo como O Chao do Castelo. Segundo me contou unha veciña, na croa había unha capela da que non se conservan restos. Un monte situado preto do primitivo asentamento aínda se coñece hoxe en día como Tras da Capilla. Excelente comunicación visual co castro de Sixirei.
 

Vázquez Saco, no Boletín de la Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria atopada na muralla romana de Lugo, custodiada no Museo Provincial, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo, encadrada nunha moldura baquetonada de 0,62 metros de altura por 0,88 de ancho. Posteriormente, en colaboración con Vázquez Seijas, publicáronna en Inscripciones Romanas de Galicia II. Provincia de Lugo (1954) onde propoñen unha lectura achegada por A. D´Ors e que cualifican como moi difícil. No ano 1979, Arias Vilas, Le Roux e Tranoy logo dun minucioso estudo, publican o resultado na colección Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, aínda que seguen a presentala como moi problemática. Malia os atrancos anteditos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tendo en conta as lecturas anteriores e os seus propios estudos ofrece o seguinte texto: 

"Martialis an (norum) X, Loveus an (norum) IX, Paternus an (nourum) III, s (ervi) e (x) C (invertido) (castro vel casa) castro Laedie (n) s (i); Gemel (l) inus Flori filiis" 

"Marcial de 10 anos, Lovio de 9 anos, Paterno de 4 anos, servos do castro Laediense; Xemelino de Floro, aos Fillos"
 

Trataríase, pois, dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos de moi pouca idade que levan nomes latinos. Remata Nicandro Ares que o nome do castro está escrito Laedies, polo que se podería aventurar a ubicación do Castro Laediense, identificado, quizais, co castro de Lexo. 

CASTRO DA CASA DO CASTRO
En Espiña, parroquia de Pacios. A 700 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Trátase dun castro de tipo agrícola situado nunha chaira. Recibe o nome pola vivenda e anexos que hai no lugar. Presenta un pequeno recinto tirando a circular delimitado por  un sistema de foxo e parapeito que polo exterior acada nalgúns tramos unha altura de tres metros. Moi humanizado e cuberto por árbores e matogueira, foi utilizado ata non hai moitos anos para o cultivo. Polo NL aínda conserva parte dun foxo.
 

O señor Pepe, da Casa do Castro, contoume que un seu bisavó atopara una especie de "cuña", ao parecer de ouro, que vendeu en Lugo. 

CASTRO DE PACIOS OU CHOUSA DE RAIMUNDO
En Espiña, parroquia de Pacios. A 640 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Castro de tipo agrícola situado nunha chaira. De forma circular, está arrodeado en todo o seu perímetro por parapeitos que nalgúns tramos acada os catro metros de altura. Afectado por unha estrada local, no seu interior, ademais de seren utilizado en tempos para labores agrícolas, pace o gando vacún.
 

CASTRO DAS CROAS, MAZAÍLLE OU DE LAMAS
En Mazaílle, parroquia de Pacios, próximo ao límite con concello de Castroverde. A 800 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Situado nun outeiro dominante, presenta forma ovalada cunhas medidas aproximadas de  140 metros no eixo máis longo e de 8o metros no menor. Arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras, foxo e parapeito, que polo interior acada nalgúns tramos unha altura de tres metros, foxo e parapeito. Polo SL atópase alterado por un valado que cruza a muralla. O acceso atopábase polo sur a través dunha rampla que interrompe o trazado do parapeito. No centro do recinto apréciase unha pequena elevación cuberta por mesta matogueira. Debido a unhas escavacións furtivas realizadas hai uns trinta anos, tal como me contou o señor Pepe da Casa do Castro, efectuadas por uns mozos da aldea, saíron á luz unha espada e anacos de vasillas cerámicas. Por mor das devanditas escavacións, tamén afloraron unas estruturas habitacionais que aínda se aprecian hoxe en día: una feita con pedras graníticas coas esquinas en ángulo recto, e outra construída en lousa de planta redonda.
 

Polo leste tamén presenta un antecastro de medidas similares ao recinto principal protexido por unha muralla terreira e polo desnivel do terreo. Nas proximidades do castro aínda manan catro mananciais dos cinco que había; para acceder a un deles obsérvase un camiño que sae do mesmo castro. Tanto o recinto principal como o antecastro foron utilizados para labores agrícolas.
 

No interior hai unha mámoa cunhas medidas de 10 x 12 metros e unha altura de 0,50 metros xa coñecida dende antigo que recibe o nome de A Medorriña.
 

O día 12 de marzo de 2017, don Guillermo Frey Lamela amosounos unha peza que atopou no castro hai uns 50 anos. Cando a vimos puidemos comprobar que se trata dunha punta de lanza de bronce. Más información sobre esta peza no apartado Apéndices.
 

CASTRO DE PEDRAFITA
Na aldea de Pedrafita, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. A 702 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
De forma ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 125 metros no eixo maior e 100 metros no menor. Orixinariamente estaba defendido en todo o seu perímetro por foxo e parapeito, e por un terraplén na parte oeste; polo norte hai unha terraza. Na actualidade, por mor da actuación humana, perdeu o parapeito polo oeste. No sur do recinto elévase unha pequena croa protexida por unha muralla terreira. Tamén polo sur semella que estaría a entrada ao castro. Ata non hai moitos anos, o interior adicábase a sementar o pan. Nas inmediacións hai, ao menos, dúas fontes.
 

Segundo a lenda, un home, ao arar a terra, atopou unha ola que baleirou por crer que dentro só había incienso. Mais, cando o po se esparexeu, viu que brillaba: era ouro.
 

CASTRO DE VILACHÁ OU AS CROAS
Na aldea de Vilachá. Parroquia de Pedrafita de Camporrendondo. A 732 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Situado nunha penichaira por riba da aldea. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 100 metros no menor. Dun só recinto, está arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e lousa que nalgúns tramos acada polo exterior unha altura de catro metros. Polo SO, a parte máis vulnerable, presenta unha dobre muralla cun foxo duns tres metros de ancho que discorre entre ambas; a muralla exterior está formada por cachotes de pedra de boa feitura. O desnivel do terreo deféndeo polo NL.
 

No interior do recinto vense moreas de pedras que puideron formar parte das estruturas habitacionais. Na actualidade está plantado de carballos e inzado pola matogueira. Polo SO está bastante alterado por terreos adicados a cultivo.
 

CASTRO DE CARBALLEDO
Na aldea de Carballedo. Parroquia de Penarrubia.
A 644 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Localizado nun pequeno outeiro, xunto a Vía XIX. De planta tirando a rectangular, ten unhas medidas aproximadas de 160 x 120 metros. A mesta matogueira impide saber se conserva algún tipo de estruturas, mais obsérvase que estaba delimitado por parapeitos e por algún foxo. No recinto, ata os anos sesenta do pasado século, sementábase o pan. Un camiño pola parte NO afectou ao parapeito.
Na aldea de Pena, lindeira con Carballedo, tiña situado outro xacemento castrexo mais, ao preguntar por el, todos me remitiron ao de Carballedo, asegurándome uns veciños que non era a primeira vez que se confundía a súa ubicación. Sería aquí, entón, onde apareceu unha ara romana, hoxe en día desaparecida, que Felipe Arias, que puido vela, descifrou as últimas liñas: EX VO/TO.
José Ángel Revaldería ("Roldán") contoume unha lenda escoitada aos seus antepasados. Había un arrieiro que abastecía de noite aos mouros do castro, recompensándoo co ouro que custodiaban. Mais non podía dicir nada polo que sempre poñía algunha escusa para saír a horas tan intempestivas (que ía regar, darlle de comer ao gando, etc.), ata que un día a súa muller desconfiou polo que non tivo máis remedio que contarllo. Como cabía esperar, a boa harmonía que tiña cos mouros rematou. Un mouro que era coxo saíulle ao camiño para dicirlle que non volvera polo castro xa que os outros mouros esperábanno para matalo.
  
Unha veciña de Pena contoume que na croa hai unha "porta" pola que se accede a unha longa galería que comunica coa igrexa de San Martiño de Neira de Rei; era utilizada polos mouros para asistir á misa. 


CASTRO DE CASTROLANZÁN
Na aldea de Castrolanzán, parroquia de Penarrubia.
 

Trátase dun castro de tipo agrícola situado nunha chaira á beira da estrada local que vai de Baralla ao Alto do Restelo e xusto en fronte da aldea de Castrolanzán. Presenta un recinto tirando a circular, defendido por un sistema de foxo, parapeito e foxo polo SO, e por un parapeito no resto. Polo leste vense restos dunha muralla pétrea. A simple vista non se observan outro tipo de estruturas. No interior aínda se desenvolven tarefas agrícolas.
O PXOM, publicado na páxina do Concello no mes de outubro de 2013, sitúao, erradamente, na parroquia de Pol onde tamén hai outro castro.

 

CASTRO DE PENARRUBIA
Parroquia de Penarrubia.
Presenta un recinto case circular dividido en dous niveis diferentes, defendido por unha sucesión de parapeito, foxo, parapeito e por un terraplén no resto do perímetro. Polo leste obsérvanse tres aterrazamentos de forma escalonada defendidos por terrapléns moi alterados polos labores agrícolas.
O PXOM publicado na páxina do Concello de Baralla no mes de outubro de 2013 cita outro castro, co mesmo nome, na parroquia, indicando que non foi localizado. Coido que se trata dun erro xa que, pola información que me achegaron os veciños, só teñen coñecemento dun asentamento castrexo. 
 

Xunto a igrexa de Penarrubia hai varios restos esparexidos polo lugar, entre outros o que semella a basa, reutilizada e adaptada para colocar un cruceiro, dunha columna de época romana. 

CASTRO DA CORTIÑA DA IGREXA OU CASTRO DA IGREXA
Na parroquia de Piñeira. A 583 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Forma tirando a circular, moi alterado pola igrexa, o cemiterio, terras adicadas a labores agrícolas e un camiño.

Dun só recinto, estaba delimitado por terrapléns en todo o seu perímetro, agás polo SO onde se adiviña un parapeito. Polo leste estaba protexido polo desnivel do terreo.
Ademais deste castro, o PXOM publicado na páxina do Concello no mes de outubro de 2013 fala dun "Castro de Piñeira", sinalando que non foi localizado. Consultados os veciños informáronme que só teñen coñecemento deste da Cortiña da Igrexa.
 

CASTRO DE POL
Na parroquia de Pol. Situado nun altorelo na cara oeste do Monte de Francos, preto da coñecida como Pena da Escaleira.
Humanizado polos labores agrícolas. Presenta un recinto case circular, defendido por parapeitos precedidos de foxo na parte SO e O. En todo o perímetro, agás polo oeste, ten unha terraza defendida por un terraplén. O acceso á croa realízase por unha abertura practicada polo NL. Alterado por un camiño.
Boa comunicación visual co castro do Pontón, en Aranza. 
 

CASTRO OU CASTRO DE BASILLE
Entre Basille e O Salvador. Parroquia de Pousada. A 557 metros de altitude. Presenta un recinto superior de forma tirando a ovalada cunhas medidas aproximadas de 140 x 110 metros. Nas partes N e NL conserva restos da muralla pétrea que nalgúns tramos acada os 2,5 metros de altura. Acaroada ao recinto polo leste ten unha terraza a xeito de antecastro defendida por suaves terrapléns. Moi alterado no interior. 
 

CASTRO DA CROA
Na parroquia de Pousada. A 511 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Atópase ao sur da igrexa parroquial de Pousada, a uns 350 metros de distancia en liña recta.
Ten unhas medidas aproximadas de 150 x 100 metros. A mesta matogueira fai moi difícil apreciar o interior do recinto (ao parecer moi alterado), arrodeado por terrapléns e muralla interior polas partes norte e nor-leste. Polo leste presenta un aterrazamento defendido por suaves terrapléns. Apareceron restos de pavimentos, pedras labradas e muíños de man.
 

Segundo me contaron, os mouros agochaban nunha cova que hai no castro un pote de ouro. Outra lenda asegura que un can que entrou nela apareceu logo no castro de Ferreiros, a case tres quilómetros de distancia. 

CASTRO DE POUSADA
Na parroquia de Pousada.
A igrexa parroquial e o cemiterio érguense sobre o castro. Do primitivo templo non quedan restos, o actual é posterior. Ao parecer atopouse unha celosía de finais do século VI ou comezos do VII.
Situado sobre un pequeno outeiro, presenta forma elíptica, cunhas medidas aproximadas no eixo N-S de 115 metros, e no eixo L-O de 70 metros. Está arrodeado en case todo o seu perímetro por un suave terraplén. A entrada actual, que sobe cara a igrexa e o cemiterio, está no sur, e é posible que coincida coa primitiva. Polo norte lámbeo o regueiro da Forxa que desemboca no río Neira. O resto do asentamento, agás o lugar ocupado polas construcións anteditas, está adicado a pasto para o gando.
O castro, romanizado, flanqueábao a Vía XIX que comunicaba Braga con Astorga (Itera Bracara Asturicam), asociada á explotación mineira. F. Arias sitúa aquí a mansio Timalinus.
 

CASTRO DE RECESENDE
A mediados do mes de xuño de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Baralla. Está situado na aldea de Recesende, nun outeiro a 666 metros de altitude, non moi lonxe da igrexa parroquial de factura barroca.
O castro está formado por dous recintos. O inferior, de forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 140 por 115 metros. O superior, ou croa, ten forma case circular, cunhas medidas aproximadas de 75 por 70 metros. En varios tramos aínda se observan restos da primitiva muralla feita con pedras de lousa. Para dificultar o acceso ao interior traballaron no chan rochoso sobre o que asenta o castro, construíndo pronunciados terrapléns, case verticais, que nalgunhas partes acada os 5 metros de altura. Polo sur-oeste vese un muro de lousa de factura moderna pero que aproveitou a liña da antiga muralla. Tamén se aprecian restos dun foxo defensivo. 
A pesar de que todo o recinto castrexo está cuberto de carballos, arbustos e maleza, vese perfectamente que o interior está totalmente chan, acondicionado para construír as vivendas. Xunto un terraplén atopamos unhas grandes pedras rectangulares de lousa de espléndida factura pero que, polo de agora, descoñecemos a súa función, se ben unha ten un burato como os linteis utilizados para encaixar os gonzos das portas.
En liñas xerais o castro atópase en aceptable estado de conservación se ben hai que subliñar que parte da cara oeste foi destruída, posiblemente para extraer pedra e polo acondicionamento agrícola dos terreos colindantes. Unhas veciñas contáronnos que hai máis de 40 anos no castro había un campo de fútbol que tamén se utilizou como campo da festa.
Tamén soubemos que hai uns 50 anos, un veciño atopou un muíño de man, polas indicacións posiblemente de forma navicular, e anacos cerámicos ao traballar a terra. Chámanos a atención que este castro, moi evidente, estea sen catalogar, máis aínda cando o lugar é coñecido polos veciños como Os Castros. Ao non figurar no PXOM inicial puxémolo en coñecemento do Concello de Baralla e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
 

CASTRO DA CONDOMIÑA
Na Condomiña, parroquia de San Martiño de Neira de Rei.
De forma ovoidal, defendido por un sistema de foxo e parapeito na parte oeste, e por terrapléns no resto do perímetro. O foxo que precede ao parapeito está afectado por unha gabia que vai a un depósito de auga.
 

Preto, no lugar coñecido como Agro de Pedreda, apareceron restos de construcións, tégulas, cerámicas e moedas de ouro e prata de época romana. En Todón de Abaixo (municipio de Becerreá) e nas proximidades de Ponte de Neira (Baralla) localicei unhas bases de columna de época romana, unha delas actuando como basamento dun cruceiro moderno.
 

O CASTRO
Na parroquia de San Martiño de Neira de Rei. Nun outeiro situado a 612 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre o río Neira e o regueiro da Pena. 
De forma circular, o único recinto ten unhas medidas aproximadas de 60 x 60 metros. Agás polo sur, protexido polo forte desnivel do terreo, o resto do castro está defendido por un parapeito.
 

CASTRO DE SAN MIGUEL
Na parroquia de San Miguel de Neira de Rei.
Erixido sobre un pequeno outeiro. Presentaba un recinto de forma case circular. Polo SL aínda se adiviña o que era un parapeito, e polo sur un foxo que foi reaproveitado en parte por un camiño. O regueiro de Ponticela, tributario do Neira, actuaba como límite e defensa. Polo N e O circundábao o regueiro da Fonte da Picha, que morre nun lameiro denominado Andorvio.
Sobre a croa levantouse unha fortificación medieval da que, segundo a interesantísima Historia do concello de Baralla. Pazos e fortalezas de Neira de Xusá (1998) de Xulio Pardo de Neyra, nas bases da parroquial están os cimentos da primitiva torre de planta cadrada; e que, cara o NO, aínda se poden ver os restos das dependenzas da fortaleza. Dende a torre ía un camiño soterrado que conducía á ponte de Carracedo, derrubada por unha enchenta no ano 1939. Tamén se construíron o cemiterio e, como xa quedou dito, a igrexa parroquial de cuxa edificación orixinal só se conserva a ábsida románica adornada no aleiro cuns curiosos canzorros; no interior, ao retirar un retábulo, apareceron unhas pinturas murais, en pésimo estado de conservación, nas que destaca un Pantocrátor.

Ademais de polas edificacións anteditas, o castro atópase moi humanizado por outras construcións modernas: casa reitoral, casa dos Correa e outras vivendas que ocupan o primitivo recinto.
 

CASTRO DE SIXIREI
Na parroquia de Sixirei. A 784 metros de altitude sobre o nivel do mar.

O asentamento, dende o que se domina unha ampla panorámica, ocupaba toda a parte alta do monte. Case circular, ten unhas medidas aproximadas de 150 x 150 metros. A explotación agrícola e gandeira destruíu boa parte das súas estruturas o que non impide comprobar que estaba arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla da que aínda se poden ver varios tramos, algúns de pedra e con máis dun metro de altura. Pola cara oeste, a máis vulnerable, tiña unha dobre muralla. Unha canteira estragou a cara oeste do monte onde se ergue o castro. Xunto o parapeito atopei un fragmento cerámico correspondente a un recipiente.

Unha veciña de Vilameixe contoume que un home, ao arar a terra, atopou unha ola moi pesada e, para ver o que contiña, baleirouna, vendo como o po, empuxado polo vento, se esparexía polo lugar. Mais, de súpeto, os raios do sol pousáronse sobre a leira e o home viu como a terra refulxía. Foi entón cando se decatou de que o po da ola era ouro.
 

O CASTRILLÓN
Na parroquia de Sixirei. Destruído por unha canteira. Polas referencias, contaba cun recinto de forma ovalada e delimitado por un parapeito. 

CASTRO DAS CROAS
No lugar de Santa Cruz, parroquia de Sobrado de Picato. Sobre un outeiro, a 643 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado non moi lonxe da N-VI e do castro de Sobrado (co que tiña unha boa comunicación visual), repobouse con piñeiros. De forma ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 150 x 115 metros, defendido por terrapléns, agás pola cara O-NO que o está por un parapeito. Polo NL obsérvase unha posible terraza que na actualidade está inzada pola matogueira.
Un veciño de Sobrado contoume que un home, xa falecido, ao arar unha leira no interior do recinto, sacou á luz unha "lápida cunha inscrición"; cando regresou a por ela desaparecera.

 

CASTRO DE SOBRADO
Na parroquia de Sobrado de Picato. A 478 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Presenta un recinto case circular do que hoxe en día só se aprecian uns terrapléns nas partes sur e leste.
Situado nunha chaira, pertence aos denominados castros agrícolas. Cronoloxicamente hai que adscribilo á fase final da Cultura Castrexa. Érguese no núcleo de poboación de Sobrado, moi humanizado por pistas e camiños que o circundan, terreos adicados a labores agrícolas, muros e casas. Boa comunicación visual co castro das Croas, situado ao outro lado da N-VI.
 

CASTRO DE VALE
Na parroquia de Vale.
Moi humanizado pola igrexa, o cemiterio, camiños, outras construcións e terras de cultivo, apenas quedan restos do primitivo asentamento. Malia o anterior, aínda se aprecia a súa forma que tiraba a elíptica delimitada por parapeitos.
 

OS CASTROS OU CASTRO DE VILAMEIXE
Na aldea de Vilameixe, parroquia de Vale. A 605 metros de altitude sobre o nivel do mar. Próximo ao regueiro da Pena.
De forma ovoidal, tiña unhas medidas aproximadas de 200 metros na parte máis longa e de 125 na menor.
 

Na actualidade está dividido en varias leiras, adicadas a cultivo, e semicircundado por dous camiños que o alteraron considerablemente. O único elemento construtivo é unha muralla de terra e pedras de lousa polo norte que se aprecia claramente, cunha altura pola parte exterior que nalgúns tramos acada os catro metros. Non se distinguen sinais claros doutras estruturas. O recinto está ateigado de pedras de lousa, algunhas de bo tamaño. Unha moza de Vilameixe amosoume un croio que atopou no castro e que semella foi utilizado para machucar o gran. O seu pai contoume a lenda de que no lugar apareceu unha ola con po de ouro.
O día 20 de abril de 2015, dende o Servizo do Patrimonio da Xunta de Galicia en Lugo comunicáronme que o incluíran no inventario de xacementos arqueolóxicos coa clave GA 27 036 052, xa que non estaba inventariado, tendo coñecemento do mesmo por este blogue. Tamén llo comunicaron ao Concello de Baralla para que o inclúa no PXOM.
 

O CASTRO DE REGUENGO
Na aldea do Reguengo, parroquia de Vilachambre.
 

Castro situado a media ladeira do monte. Presenta unha planta case circular cunhas medidas aproximadas de 140 x 140 metros, protexido en case todo seu perímetro por terrapléns onde aínda se ven restos de muralla pétrea. Polo nor-leste e leste obsérvase un sistema de foxo e parapeito. Polo sur hai un aterrazamento protexido por un terraplén. No interior, adicado ás labores agrícolas e circundado por un souto de castiñeiros, non se aprecian restos de estruturas habitacionais. Aos pés nace un caudaloso manancial.
 

CASTRO DE VILACHAMBRE
Na parroquia de Vilachambre. A 641 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre os regueiros de Vilachambre e de Fontao.
Sobre un outeiro, presenta un recinto de forma alongada defendido por un terraplén en todo o seu perímetro. Polo sur hai varios aterrazamentos delimitados por terrapléns. Boa comunicación visual co castro de Reguengo.
Apareceron restos cerámicos, muíños circulares de man e, contáronnos, unha gran pía tirando a circular que tiña unha base que, cando a levantaron da terra cun arado, partiu. A pía estivo durante moitos anos no patio da casa do propietario do terreo, mais hai catro ou cinco anos vendeuna a un veciño da parroquia de Pousada. Quixemos ver esta última peza pero, polo de agora, o "propietario" negouse a amosárnola.


 

CASTRO DA MOCHA 
En A Mocha, parroquia de Vilartelín. A uns 650 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Nas abas do monte coñecido como As Arcas onde había unha necrópole megalítica hoxe en día destruída polos labores agrícolas e forestais.
 

Aínda que moi alterado e cuberto pola matogueira e arboredo, presenta unha planta tirando a circular cunhas medidas aproximadas de 65 x 60 metros. O único recinto semella que estaba protexido por un parapeito de terra e pedras; os tramos que se conservan acadan unha anchura dun tres metros por pouco máis dun metro de alto. Utilizado como vertedoiro de lixo e cascallos.
 

CASTRO DE SANTA MARTA
Na aldea de Santa Marta, parroquia de Vilartelín.
Situado nunha penichaira, a media ladeira do monte. Presenta forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 160 x 75 metros no recinto principal, arrodeado por terrapléns. Polo oeste obsérvase un sistema de foxo e parapeito. Polo leste ten acaroada unha plataforma defendida por un terraplén. A mesta matogueira que o inza e as árbores impiden ver se no interior hai algún tipo de elementos construtivos. Afectado por explotacións agrícolas, un camiño de carro que o semicircunda e unha fábrica adicada á preparación de lousa.
 

Contáronme que no interior do castro hai un lugar que chaman O Tesouro onde, segundo a lenda, hai soterradas barras de ouro.


Mámoas, petroglifos e castros do concello de Baralla
Xabier Moure