MÁMOAS E CASTROS DO CONCELLO DE BECERREÁ

MÁMOAS E ANTAS
MONTE DA MEDORRA 
Sobre un outeiro na aldea do Areal, por riba da autostrada A-6, na parroquia de Cascallá. Na actualidade só se conserva un túmulo que apenas se distingue, arrasado polos labores agrícolas.

OS LAGORZOS
Na parroquia do Cereixal.
Necrópole formada por dúas mámoas situadas á beira da estrada local a Louxas, na cima dun cordal montañoso dende o que se divisaba unha ampla panorámica, hoxe en día cegada pola repoboación de árbores. Os túmulos están moi alterados xa que no lugar levantáronse unhas antenas de televisión e de telefonía cos seus respectivos accesos e infraestruturas.
A mámoa número 1 ten unhas medidas de 20 metros de diámetro e pouco máis dun metro de altura. O segundo túmulo mide uns 18 metros de diámetro e un metro de altura. 
O día 26 de outubro de 2015, dende o noso colectivo procedemos a sinalizar a necrópole (Ver a entrada Apéndices).
 

O CHAO DO MARCO 
No monte do Chao do Marco, parroquia de Fontarón.
Formada por dúas mámoas, situadas a case 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cume dun cordal.

A mesta matogueira dificulta a súa localización. A mámoa número 1, alterada por un corte, ten un diámetro duns 28 metros, e unha altura de 0,50 metros. O segundo túmulo acada os 23 metros de diámetro e unha altura de 0,70 metros; un camiño corta a masa tumular.
 

O día 25 de outubro de 2015, dende o noso colectivo procedemos a sinalizar a necrópole (Ver a entrada Apéndieces).

CABEZA DO RÍO
Na serra de San Pedro, parroquia de Furco.
Necrópole formada por dúas mámoas. A 850 metros de altitude. Dende o lugar divísase unha ampla panorámica.
A mámoa número un está moi alterada, por ela circula maquinaria para usos forestais. Ten uns 20 metros de diámetro e 0,90 metros de altura. O segundo túmulo tamén está moi deteriorado, sobre el plantáronse varias árbores; de 21 metros de diámetro e un metro de altura, presenta cono de violación. En ningunha das mámoas se aprecian restos de cámara pero si se ven pedras que puideron formar parte dunha coiraza pétrea.
O día 26 de outubro de 2015 diriximos un escrito ao Concello de Becerreá para que se tomen as medidas necesarias para protexer as medorras.
 
 

A LOUSEIRA 
Na parroquia de Furco.
Mámoa situada nun monte adicado á explotación forestal a 860 metros de altitude. Ten unhas medidas de 20 metros de diámetro e 1,5 metros de altura.
As mámoas da parroquia de Furco son citadas por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1873).
 

MONTE DE SANTO ADRAO
Na parroquia de Ousón.
Un veciño contoume que tiña escoitado aos seus antergos falar dun enterramento, mais non me soubo indicar a situación da posible mámoa. De feito, neste monte sitúa unha mámoa Benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1873). 

PUMARÍN 
Na aldea de Pumarín, parroquia de Vilachá. Como no caso anterior, esta mámoa é citada por Benito Vicetto. 

MÁMOAS DO MARCO  
O día 24 de agosto de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos dúas novas mámoas sen catalogar no concello de Becerreá. Atopámolas na Serra de Vilamane, no monte coñecido como O Marco, a 966 metros de altitude. 
A primeira mámoa ten uns 11 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. Sufriu unha escavación furtiva tal como se aprecia no cráter de violación central duns 2 metros de diámetro. Deste cono central sobresaen varias pedras que formaban parte da cámara funeraria e que, debido á violación ou ben pola acción da maquinaria pesada ao plantar o monte con piñeiros, foron partidas. Sobre a mámoa obsérvanse gran cantidade de pedras de pequeno tamaño que formaban parte da coiraza pétrea.
 

A segunda mámoa atópase case destruída debido á utilización de maquinaria pesada para a repoboación forestal que lle produciu grandes cortes, facéndolle perder case toda a masa tumular. Na actualidade ten uns 8 metros de diámetro e 0,30 de altura; xusto ao seu carón vense algunhas pedras que formaron parte da cámara megalítica; un destes esteos está case intacto.
 

O sitio recibe o nome de O Marco por unha pedra fincada, situada xunto as mámoas, que xa figura recollida no Castastro de Ensenada do 10 de abril do ano 1753 e que actuaba como delimitadora das parroquias de Fontarón e Vilamane.
 

Os achados xa lle foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Becerreá. 
Ademais de solicitarlle a catalogación e protección das mámoas, tal como marca a lei, tamén fixemos o mesmo para o citado marco por considerar que se trata dun ben patrimonial de indubidable valor histórico. 

"DOLME" DE VILOUTA OU PEDRA COBERTOIRA 
Na parroquia de Vilouta, nas abas da Serra da Pena do Pico, a 850 metros de altitude sobre o nivel do mar, no extremo dunha chaira. 
Aínda que popularmente se lle chama "O dolme", cremos que se trata dunha cista adscrita á Idade do Bronce, tanto pola ubicación, nunha ladeira do monte, como pola tipoloxía.

A cámara está formada por tres esteos e tampa. A pedra da cabeceira, de 1,30 metros de longo e unha altura de 0,70 metros, é de cuarzo branco, e as laterais, de 1,40 metros de longo e arredor dos 0,90 de alto, de granito de gran groso. A tampa ten un grosor de case un metro e mide case dous metros na parte máis longa. A entrada está orientada cara o oeste.
 

Aprécianse restos do túmulo, moi achando polos labores agrícolas, cunhas medidas aproximadas de 11-12 metros de diámetro.
Conta a lenda que a tampa foi levada por unha moura que a transportou sobre a súa cabeza dende o monte, situado a pouco máis de dous quilómetros en liña recta, coñecido como A Moura. 
O día 25 de agosto de 2015, o noso colectivo dirixiuse por escrito ao Concello de Becerreá para que inclúan no PXOM o "dolme" de Vilouta ou Pedra Cobertoira. Sorprendeunos que á empresa contratada para facer o catálogo se lle pasara por alto un dos enterramentos máis emblemáticos, non só do municipio senón da comarca dos Ancares.
 
 
PEDRAFITAS

MARCO/PEDRAFITA DE VILOUTA
Na parroquia de Vilouta.
Situado entre as aldeas de Vilouta de Abaixo e Vilouta de Arriba, próximo ao dolme da Pedra Cobertoira e aos dous castros que levan o nome das aldeas. Quizais actuou como marco divisorio entre ambos os dous núcleos de poboación que pertenceron ao mosteiro cisterciense de Penamaior. Trátase dun fito de xisto e cuarzo de feitura regular que presenta sección cadrada e caras sen labrar cunhas medidas en cada lado duns 25 centímetros e de pouco máis dun metro de altura. Na actualidade atópase tirado á beira dun regato pero no mesmo lugar onde estivo chantado. Segundo me contaron, falta parte da pedra que antes de seren derrubada tiña unha altura aproximada de 1,5 metros. Como apuntei, é probable que actuara como marco, mais chamoume poderosamente a atención a lenda que circula ao seu redor. Dise que o marco foi chantado no lugar por unha moura e que os mouros que habitaron no túnel que comunica os castros de Vilouta de Abaixo e de Vilouta de Arriba ataban os seus cabalos ao fito.
Tamén foi unha moura a que colocou a tampa do dolme da Pedra Cobertoira que trasladara sobre a súa cabeza dende o monte que aínda hoxe en día se coñece como A Moura, situado a uns dous quilómetros en liña recta, nas abas da Serra do Pico. Non moi lonxe está a Ponte da Moura, e tamén a Pena de Pascua, unha rocha onde se poden ver unha especie de banzos; ademais de que no lugar se xuntaban antano os pegureiros para xantar, en tempos non precisados os mouros facían sacrificios humanos. Estamos diante dun marco divisorio de época medieval ou dunha pedrafita que cumpría outras funcións?

PETROGLIFOS

Na Serra da Pena do Pico atopei unha pena granítica con dúas pías, pode que feitas pola man do home, e o que semella unha figura, moi desgastada, en ziguezague.

CASTROS

O CASTRO
No lugar da Horta. Parroquia de Agüeira.
Situado no cume dun outeiro de pequenas dimensións xunto o viaduto de Torallo e cinguido polos ríos Navia e Narón. Alterado, atópase dentro dunha propiedade particular pechada onde se construíu unha vivenda.

CASTRO DE BECERREÁ
Na parroquia de Becerreá. A 562 metros de altitude sobre o nivel do mar. Próximo ao regueiro do Vao.
Situado á dereita da estrada a Navia de Suarna, a medio quilómetro da Venta de Cruzul. Pouco queda do primitivo asentamento, estragado na súa totalidade por unha canteira (que vaciou, literalmente, o xacemento) hoxe en día en desuso, explotacións agrícolas e forestais, pola estrada a Navia e por un camiño. Atopáronse varias pezas, depositadas no Museo de Lugo. No Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do ano 1991 xa se advertía do risco que corría.
 

ASENAMENTO DO ENCIÑAL
Na parroquia de Cadoalla. A 670 metros de altitude sobre o nivel do mar.
O poboado, fortemente romanizado, foi descuberto cando as obras da A6. Apareceron estruturas habitacionais de forma circular, cadrada e rectangular e unha muralla pétrea. Tamén saíron á luz varios obxectos, a maioría dos cales foron mesturados cos cascallos e trasladados en camións para non se sabe onde.

As intervencións de urxencia limitáronse a constatar a existencia do xacemento, dando paso á destrución do castro por medio de palas e dinamita a finais do ano 1999. Tamén me dixeron que o camiño que pasaba a carón do castro era coñecido como Camiño da Antiga, topónimo que nada ten que ver, no presente caso, cun paso que existiu dende hai moito tempo ou servidume de paso a través de fincas alleas, senón coa calzada romana da que aínda se poden ver varios tramos, moi deteriorados, e un miliario.
Como testemuña da importancia do achádego insiro a continuación unha escolma de fotos facilitadas por Manuel González Vilela, tomadas poucos días antes da destrución do poboado.



CASTRO DA TRAVESA
Alfredo González Ruibal, en Brigantium (1999): Galaicos, poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C-50 d.C.), recolle unha tese inédita, custodiada no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, realizada por V. Caramés Moreira no ano 1999, baixo o título Informe de Valoración. Proyecto de intervención arqueológica. Excavación arqueológica del yacimiento Monte da Travesa. Cadoalla, Becerreá (Lugo). Cita vivendas circulares que convivían con vivendas cadradas con esquinas en ángulo, materiais do s. I d.C., sigillata e obxectos feitos con torno e a man, estes de clara tradición prerromana, seguramente dos séculos II-I a.C. O castro, emprazado aos pés da vía que unía Lucus con Asturica (foi ocupado en época romana para controlala) presenta unha considerable ocupación do espazo. Na parte alta localizouse un grande edificio rectangular, cuberto con tégula e con abundante material romano. Os materiais localizados revelan actividades de cantaría -cuña, pico, mazo, compás-, metalúrxico -tenaces-, de carpintaría -cuña, broca, gubia, martelo-, etc.
Este castro da Travesa correspóndese, sen dúbica, co anteriormente citado xacemento do Enciñal, en Cadoalla.

CASTRO DE SAA
No lugar de Saa, parroquia de Cadoalla.
O castro, tirando a circular, tiña unhas medidas aproximadas de 125 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Como se pode observar nas fotos, foi totalmente destruído por unha canteira para a obtención de grava. Aínda se aprecia parte dun parapeito defendido por un terraplén.


Na cara que dá á igrexa parroquial de Cadoalla hai unha cova, na actualidade tapada pola mesta matogueira que, din, comunicaba co interior do asentamento.

O CASTRO OU CASTRO DE TODÓN DE BAIXO
Na aldea de Todón de Baixo, naarroquia de Cascallá. A 603 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Situado sobre un outeiro, presenta forma ovoidal; as súas medidas son duns 100 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Defendido por terrapléns que acadan nalgúns tramos ata oito metros de altura. Polo leste apréciase outro recinto duns 80 metros. Moi alterado polos labores agrícolas.
Atopei uns fragmento de cerámica lisa, pertencente a un recipiente.
 

CASTRO DO CEREIXAL
Na parroquia do Cereixal.
Aínda que me falaron da existencia dun asenamento castrexo na parroquia, todos os datos apuntan a que se trata do cercano castro da Torre, na lindeira parroquia de Furco.

CASTRO DE VILAR DE OUSÓN OU OS CASTROS
No aldea de Vilar de Ousón, parroquia de Cruzul. A 599 metros de altitude sobre o nivel do mar.

As árbores, os arbustos e a mesta matogueira fan moi difícil adiviñar a forma e dimensións do castro que, logo de percorrelo, denuncia unha planta cunhas medidas aproximadas duns 120 metros no eixo máis longo e de 8o metros no menor. O terreo foi utilizado ata non hai moitos anos para labores agrícolas e forestais o que ocasionou unha forte alteración nas súas estruturas habitacionais e defensivas (reutilización das pedras do castro para pechar herdades, construción de muros e valados, camiños, remoción de terras, etc.).

Malia o anterior, o asentamento presenta restos de potentes murallas pétreas na parte oeste, a máis vulnerable, nalgúns tramos de case dous metros de ancho (o seu reaproveitamento posterior impide saber a altura) e foxos. A croa estaba delimitada por unhas penedas ciclópeas e pode que por unha muralla.

Canto ás estruturas habitacionais, ata o de agora localicei os restos de tres vivendas, en dúas das cales se aprecia perfectamente a súa forma circular. Na cara sur pódese ver un antecastro protexido por un foxo e unha muralla terreira. Cara o río hai varios aterrazamentos onde atopei un fragmento de tégula.

Segundo información achegada por Victor García, a principios dos anos setenta do pasado século, ao arar a terra para sementar o pan, saíron á luz catro ou cinco tumbas de inhumación feitas con laxes e cubertas con tampas de lousa que acubillaban esqueletos humanos en bastante bo estado de conservación; contoume que un fémur fora enviado para a Deputación de Lugo para o seu estudo, mais nada se volveu a saber. Unha monxa adoitaba colocar flores xunto as tumbas.
Por debaixo da aldea de Vilar de Ousón hai un lugar coñecido como O Chao da Capilla, hoxe en día cuberto pola matogueira, onde, ao parecer, había outras tumbas de tipoloxía semellante. 

Un veciño de Vilar de Ousón contoume que tiña visto algún muíño circular e unha pía. Tamén se conta que unha muller atopou unha cadea de ouro medio soterrada que se rompeu cando tirou dela; cando foron a buscar a parte que quedara no castro non foron quen de dar con ela. Unha lenda di que as pedras que hai na croa foron levadas por unha moura.
Non moi lonxe está a coñecida como A Cova dos Mouros, asociada, como non pode ser doutro xeito, a unha lenda de fabulosos tesouros. A galería, de cronoloxía descoñecida, ten un metro de ancho por dous de alto; interrómpese despois duns vinte metros debido aos cascallos, provenientes dun derrube, que impide continuar. Pouco sabemos desta cova. Dise que durante a Guerra da Independencia foi utilizada polos guerrilleiros galegos que loitaban contra as tropas napoleónicas, e que despois da Guerra Civil foi usada polos guerrilleiros antifranquistas.

CASTRO DE FERREIROS DE VALBOA
Na parroquia de Ferreiros de Valboa. A 726 metros de altitude sobre o nivel do mar.

O castro érguese por riba da poboación de Ferreiros de Valboa, sobre un outeiro con bo dominio visual. Moi alterado, sobre el construíuse un campo de fútbol, camiños de acceso e está adicado a labores agrícolas. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Boa comunicación visual co castro da Fonte do Lobo.
Dise que no lugar hai un pozo ao que os rapaces acostumaban tirar pedras que, ao golpear nos laterais, facían un ruído que soaba a metal.

O CASTRO OU CASTRO DA FONTE DO LOBO
Entre as parroquias de Ferreiros de Valboa e Guillén. 
Atópase na faldra dun monte, a pouca distancia do castro de Ferreiros de Valboa, xusto no límite entre os núcleos de poboación de Ferreiros e da Fonte do Lobo, este último na parroquia de Guillén. Para achegarnos ata el hai que facelo pola estrada que sobe cara esta última poboación onde se atopa unha capela en ruínas adicada á Virxe das Dores.
Cuberto pola mesta vexetación, está adicado a pradarías para o gando. Distínguense varios aterrazamentos formados por pedras e terra.

CASTRO DE FONTARÓN
Parroquia de Fontarón. 

CASTRO DE FONTES
Na aldea de Fontes, parroquia de Furco. A 746 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado á dereita da estrada local que vai dende Fontes á N-VI, a media ladeira do monte. Posúe unhas medidas duns 130 metros no eixo máis longo e de 55 metros no menor. Presenta un recinto principal, defendido por terrapléns e fortes pendentes, moi alterado polos labores agrícolas e dividido en parcelas. No SO obsérvase unha croa practicamente achandada, cuberta de fentos e xestas. Alterado polos labores agrícolas.

Polo leste presenta un antecastro protexido por terrapléns e cara o oeste por dous parapeitos. Pódense ver dous enormes foxos (nalgún tramo duns seis metros de ancho por tres de alto), un protexendo parte do recinto principal e outro o antecastro; ambos os dous foron arrasados en gran pola devandita estrada e reutilizados como camiño. Atopei un fragmento cerámico decorado realizado con terra sigillata, unha cerámica fina de orixe romana. Polo NE abriuse unha pista para vehículos mecánicos.

Un home que estivera emigrado en Madrid, hoxe en día falecido, cando regresou á aldea de Fontes pasaba os días na procura de "tesouros". Ao parecer atopou varios muíños circulares e fragmentos cerámicos. Tamén me contaron que un home, cando estaba a arar a terra, sacou á luz unha ola cerámica chea de po de prata. Hai outra lenda que fala de que hai soterrado un carro de ouro. 

CASTRO DA SERRA OU DO CASAR
No Casar, parroquia de Furco. A 792 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado nun outeiro con boa panorámica, lambido por dous regueiros. Presenta forma ovoidal cunhas medidas aproximadas de 100 x 60 metros, con defensas en talude e parapeito de lousa. O interior está poboado de piñeiros e outra vexetación.
Segundo a lenda, no castro hai enterrada unha Virxe de ouro.

CASTRO DA TORRE
Na parroquia de Furco.
O outeiro sobre o que asentaba atópase dentro da área de actividade dunha canteira o que ocasionou a súa total destrución. As modernas vías de comunicación tamén afectaron á contorna do xacemento. No Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do ano 1991 xa se alertaba do perigo que corría.


CASTRO DE GUILFREI
Na parroquia de Guilfrei. A 848 metros de altitude sobre o nivel do mar, sobre a igrexa parroquial e a poboación de Guilfrei. 
A pesares da mesta matogueira e as árbores que o cubren, presenta unha forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 55 no menor, defendido por unha muralla con pedras de bo tamaño e terrapléns que nalgún tramo acada os seis metros de altura. Polo SO semella desenvolverse un antecastro protexido por terrapléns. Alterado polos labores agrícolas e por varios camiños.
Uns veciños contáronme que, segundo a tradición, na croa había unha capela, disque anterior á igrexa parroquial, da que non quedan restos; malia a inexistencia de vestixios, no lugar érguese unha enferruxada cruz que puido pertencer á ermida ou que foi colocada para cristianizar o castro.

Andrés M. Teira Brión en Os traballos agrarios e as ferramentas empregadas na Cultura Castrexa (Gallaecia, 2003) di que Taboada Chivite faise eco dunha rella (peza que ten o arado na parte dianteira e que vai abrindo os sucos na terra) atopada no castro e publicada por Walter Ebeling en Die landwirtschftlichen Geräte in Osten, Provinz Lugo (Spanien), onde dá unha descrición dunha rama acodada, esteva e ferro de reforzo na punta. Mais esta información hai que tomala con cautela xa que o referido por Taboada é confusa polo que non se pode saber como sería a suposta rella, de realmente selo. Ferreira da Silva (1986), ao ver unha lámina na que aparece unha aixada, di que é a rella de Taboada Chivite. Verbo do arado, xa era coñecido en Europa dende o Neolítico (marcas nalgúns túmulos das illas Británicas) e en representacións da Idade do Bronce (Francia, Italia, Suecia e segundo algunhas teorías, tamén en Galiza). Na Península Ibérica documéntanse restos de rellas (tamén chamado ferro nalgunhas partes de Galiza) dende o século IV a.C. En Galiza as primeiras referencias proveñen do xacemento da Lagoa onde se documentan pegadas de arado de tipo primitivo (lixeiro e que non permite voltear a terra), cunha cronoloxía da metade do II milenio a.C. Nos nosos castros testemúñase polos textos clásicos, que din que eran utilizados polas mulleres.

O CASTRO
No lugar da Golada. Parroquia de Líber. A 445 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun meandro do río Navia.
Inzado pola matogueira, ten unhas medidas aproximadas de 140 metros no eixo máis longo e de 90 metros no menor.

CASTRO DA COROA OU CASTRO DE OUSELLE
Parroquia de Ouselle.
De forma ovoidal, presenta un recinto interior arrodeado por un parapeito de terra e lousa e un foxo. No parapeito practicouse unha apertura para acceder ao interior. Alterado polos labores agrícolas.


No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime) apareceu un vaso de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito coa inscrición: COPIAM [.] VROFLAVIENSES SALVTEM OCELAE FELICITER, que podemos traducir como "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela". Algúns historiadores sitúan en Ouselle a antiga Ocellum Gallaicorum, capital do pobo dos Zoelas, famosos entre os romanos pola calidade do liño que cultivaban e traballaban. Mais as últimas investigacións apuntan que os zoelas habitarían a área situada na rexión de Bragança (Portugal), estendéndose cara o leste ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata a área de Miranda do Douro. A capitalidade dos Buroflavienses identifícase coa Pobra do Burón (A Fonsagrada).


Canto á verba Ocelum é un nome prerromano, segundo algúns autores precelta, co significado de cume, monte escarpado, alto, que, ademais de como topónimo, funciona, xunto cos seus compoñentes, como epíteto, en ocasións acompañando a unha divindade indíxena como Arantius Ocalaecus ou Arantia Ocelaeca, como acontece coa ara adicada ao Lar Ocaelaego, custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense, atopada no ano 1988 na capela de Santo Estevo, en Vilariño, municipio de Sarreaus, unha testemuña do sincretismo entre a relixión indíxena (Ocaelaego) e romana (os Lares) en Galiza. No noso país son moitos os topónimos que rematan en -ozelo, -oselle, -oselo... (Arcucelos, Fragoselo, Nocelo, Ouselle...).
Ademais do Ocellum Gallaicorum de Ptolomeo, o Itinerario de Antonino e o Anómimo de Rávena citan un Ocelum Duri, identificado durante moito tempo coa cidade de Zamora. E o Licenciado Molina, na súa Descripción del Reino de Galizia y las cosas notables del (1550), di que o lugar onde asenta o castelo de Monterrei (comarca de Verín) é de época romana, chamándoo Ocelum. 
Máis información en Apéndices: O mito zoela de Ouselle (Becerreá). 

CASTRO DE MONTAÑA DA AGRA
No lugar de Montaña da Agra, na parroquia de Ouselle. A 685 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Atópase á dereita da estrada, nunha curva de ferradura, a medio quilómetro de Montaña da Agra. Trátase dun castro de planta ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 120 x 90 metros, arrodeado en gran parte por un terraplén que nalgúns tramos acada os cinco metros de altura. Tamén conserva restos dunha muralla interior de lousa que na actualidade non chega ao medio metro de altura. Cara o oeste hai un afloramento rochoso que debía de actuar como parapeito. Pola cara oeste pódense ver os restos dun foxo.
Pola parte sur obsérvase o que puido ser un antecastro, destruído case na súa totalidade pola estrada.

O interior do recinto, onde se poden ver pedras esparexidas por varios puntos, destínase na actualidade a pasto para o gando.

PICO DO CASTRO
A 632 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado na Serra de Horta, entre as parroquias de Agüeira, Cruzul e Ouselle. Érguese sobre o río Navia, próximo á moderna A6, xunto o coñecido como viaduto de Narón. Poboado por piñeiros e matogueira, atravésao unha liña eléctrica. Ten unhas medidas aproximadas de 150 x 120 metros. 
Un veciño de Agüeira contoume que estivo habitado polos mouros que se defendían dos atacantes tirándolles pedras dende o cume.

CASTRO DE VILAR DE FRADES
Na aldea de Vilar de Frades. Parroquia de Ouselle. A 801 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Preto do regueiro da Pasada.
Situado sobre a poboación de Vilar de Frades, nun pequeno outeiro con afloramentos rochosos que puido ser aproveitado como parte do sistema defensivo. A mesta vexetación só permite adiviñar a presenza de dous aterrazamentos.

Xunto o castro hai unha mina onde os rapaces acostumaban tirar pedras para escoitar o seu son ao bater coa auga. Unha lenda conta que se se araba o castro con dous bois xemelgos atopábase un xugo de ouro.

CASTRO DE CASTELMARÍA
Na aldea de Castelmaría, na parroquia de Quintá de Cancelada. A 704 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Situado nun outeiro, o castro estaba defendido en case todo o seu perímetro por unha muralla de lousa e terrapléns polo N-L. A entrada debía situarse polo S-O, onde se observa unha plataforma duns 15 por 40 metros. As medidas aproximadas son de 85 metros no eixo N-S, e de 70 metros no eixo L-O.
O interior está moi humanizado polos labores agrícolas e por unha capela posta baixo o padroado de Santa Apolonia. Un camiño asfaltado semicircunda toda a cara oeste do asentamento. Unhas casas, tamén pola parte oeste, estragaron parte do recinto. A muralla foi desfeita en varias zonas para acceder ás leiras que se atopan no seu interior.

CASTRO DE QUINTÁ
Parroquia de Quintá de Cancelada. A 609 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado nun outeiro. Defendido en case toda a contorna polo desnivel do terreo, agás polo SL que é por onde discorre o camiño que sobe cara a cima. Polo oeste desenvolvíase un antecastro. Debido á forte alteración non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Sobre o asentamento levantouse a igrexa e o cemiterio parroquial, o resto do castro está adicado a terras de cultivo. Posuía un bo dominio visual sobre a contorna.


CASTRO DE DONÍN
Na aldea de Donín, parroquia de Sevane. A 818 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado por riba da aldea de Donín. Utilizado en tempos para labores agrícolas e pasto e hoxe en día comido pola matogueira, está moi alterado. A estrada local a Sevane e unha pista semicircunvalan o xacemento. Dende o castro obsérvase unha ampla panorámica cunha boa comunicación visual co castro de Cantiz.
Un veciño de Donín contoume que o propietario dunha casa que había sobre o propio castro, da que aínda se conservan parte dos muros, escavou en varios lugares do xacemento porque existe a lenda de que había enterrado un tesouro.

CASTRO DE SEVANE
Na parroquia de Sevane. A 597 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Está situado no cume dun outeiro dende o que se divisa unha ampla panorámica. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 160 por 90 metros. Protexido por un terraplén, tamén se utilizou como defensa un afloramento rochoso ao que se lle engadiu un foxo. Moi alterado polos labores agrícolas que cortaron parte da muralla, formada por terra e pedras, e achandaron o terraplén. Expléndida comunicación visual cos castros de Cantiz e de Vilamane.

No castro hai un lugar coñecido como A Furada dos Mouros onde estes lendarios habitantes custodiaban un tesouro.

CASTRO DE EIXIBRÓN OU DA CROA
En Eixibrón, parroquia de Tortes. A 805 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado sobre un outeiro, podemos encadralo dentro dos considerados como castros agrícolas. O recinto principal presenta unha forma ovalada, cunhas medidas de 125 por 90 metros. Defendido por terrapléns que polo N-NL chegan a acadar os dez metros de altura. Cara o norte está defendido por unha muralla pétrea, que na actualidade apenas sobresae do chan, e polo forte desnivel do terreo; abundan os carballos e os piñeiros. Polo NL obsérvase un antecastro protexido por  terrapléns.

O castro está bastante alterado polos labores agrícolas e por uns camiños que destruíron parte das defensas. Por todo o xacemento pódense ver moreas de pedras, moitas das cales foron reutilizadas con posterioridade noutras construcións.

Un veciño contoume que atopou un muíño circular e outro veciño un muíño naviforme. Segundo a lenda, no interior do castro hai unha "cheminea", hoxe en día tapada, que dá a unha cova que agocha un tesouro.

CASTRO DO CASTRILLÓN 
En Pumarín de Riba. Parroquia Veiga. A 624 metros de altitude. Ata o día 24 de maio de 2016, este sitio figuraba só como topónimo, tanto no Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo como no Pxom do Concello de Becerreá. Integrantes do noso colectivo comprobamos que si houbo un asentamento de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 120 por 65 metros. Dedicado a terras de cultivo, atópase moi alterado se ben aínda se aprecia a muralla perimetral, moi achandada, que o protexía. A impenetrable matogueira que o cubría ata mediados do ano 2015 foi levantada e substituída por un pastizal. Na actualidade unha parte ocúpao o pastizal e a outra continúa cuberta pola maleza (toxos, breixos e outras especies arbóreas). Contáronnos que hai moitos anos apareceu no castro unha pulseira de ouro que foi vendida en Lugo. 
 
 

CASTRO DE CANTIZ
Na aldea de Cantiz, parroquia de Vilachá. A 757 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Castro de forma ovoidal cunhas medidas aproximadas de 90 metros no eixo máis longo e de 60 metros no menor. Presenta un recinto superior defendido por terrapléns que nalgúns tramos acadan os cinco metros de altura.

Polo oeste pódese apreciar un antecastro duns 100 x 40 metros, defendido por unha muralla. Tanto o interior deste como do recinto principal está comido polos toxos o que impede ver se hai algún tipo de estutrura habitacional. O conxunto está arrodeado por un sistema de foxos e parapeitos, con tramos de lousa e terra.

Un foxo do castro está a ser utilizado como vertedoiro de lixo. Cando a construción dunha pista que lambe o xacemento, as máquinas estragaron parte da muralla. Dende o lugar obsérvase unha ampla panorámica.
Boa comunicación visual cos castros de Sevane, Vilamane e Donín.

Uns veciños de Cantiz contáronme que non hai moitos anos uns furtivos sacarón á luz varias moedas utilizando un detector de metais. Segundo a lenda, dende o castro sae unha galería que vai dar a un manancial situado fóra do recinto.

CASTRO DE MONEL
Na aldea de Monel, parroquia de Vilachá.
Situado entre os regueiros Liñares e Calamouco. Na parte máis elevada presenta un recinto duns 40 por 30 metros, defendido por terrapléns duns dous metros de altura. Polo oeste aprécianse foxos e parapeitos. Moi alterado polos labores agrícolas.

CASTRO DE VILAR DE CANCELADA
Na aldea de Vilar de Cancelada, parroquia de Vilachá. A 566 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Situado sobre un outeiro, está inzado pola matogueira e alterado polos labores agrícolas. Obsérvase parte dun parapeito. Ten unhas medidas aproximadas de 90 metros no eixo máis longo e de 60 metros no menor.
Sobre o xacemento pasa unha liña de alta tensión.

O CASTRO OU CASTRO DE CASARES
Na aldea de Casares, parroquia de Vilaiz.
Ocupa a cima dun outeiro que se ergue sobre a aldea de Casares. Moi alterado polos labores agrícolas, forestais e por construcións modernas non se aprecian elementos construtivos. 
Boa comunicación visual co castro de Vilamane.

Na aldea hai un lugar coñecido como a Mina de Vilavella. Un veciños contáronme que cando nenos entraban con fachos acesos na longa gruta, abeirada ao principio por dúas "camas" de pedra onde durmían os mouros que custodiaban un tesouro.

CASTRO DE VILAIZ 
Parroquia de Vilaiz.  

CASTRO NA SERRA DE VILAMANE 
Na parroquia de Vilamane.
Sobre un outeiro situado a uns 800 metros de altitude sobre o nivel do mar obsérvase o que semella un recinto de forma tirando a oval arrodeado en parte por un parapeito. Boa comunicación visual cos castros de Vilamane e Cantiz.

CASTRO DE VILAMANE
Na parroquia de Vilamane. A 685 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado nun cordal montañoso, érguese por riba da poboación de Vilamane, entre o rego do Vao de Murias e o rego da Forxa. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 180 metros na parte máis longa e 100 metros na menor.

Presenta un recinto arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras de lousa que nalgún tramo acada unha altura duns sete metros por catro de ancho. Na parte máis elevada consérvanse restos dun parapeito para o que se aproveitou a propia conformación do terreo. Un foxo circunda o castro, agás polo SO que está protexido polo desnivel do terreo.

O interior, que estivo adicado á actividade agrícola, está inzado pola matogueira. A dicir dos veciños atopáronse restos cerámicos e útiles líticos sen especificar.
Magnífica comunicación visual cos castros de Cantiz e Sevane.

Aínda que totalmente humanizado, dá a impresión de que o núcleo de poboación de Vilamane levantouse sobre un primitivo asentamento castrexo. A aldea recibe o nome de O Castro.

CASTRO DE VILOUTA DE ABAIXO
Na aldea de Vilouta de Abaixo, parroquia de Vilouta. A 840 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Castro situado na ladeira dun monte, á dereita da estrada local que vai de Becerreá a Sarria.
Presenta forma ovalada, duns 140 metros na parte máis longa e 120 metros na menor. Obsérvanse dous recintos, un superior de forma oval e un secundario situado por debaixo do anterior. Defendido por terrapléns e unha muralla terreira achandada en gran parte polos labores agrícolas.
Un veciño de Vilameixe contoume que, segundo a lenda, hai xente que viu no castro a unha vella fiando e que cando se achegaban a ela desaparecía. O señor Vicente, veciño de Vilouta de Abaixo, díxome que hai un túnel, habitado polos mouros, que comunica este asentamento co castro de Vilouta de Arriba.

CASTRO DE VILOUTA DE ARRIBA
Na aldea de Vilouta de Arriba, parroquia de Vilouta.
Próximo á aldea, situado a media ladeira do monte, á dereita da estrada que vai de Becerreá a Sarria. Posibles restos de muralla. Moi alterado, destinado a terras de labor e pasto, atravésanno varios camiños.
O señor Vicente contoume que hai un túnel, habitado polos mouros, que o comunica co castro de Vilouta de Abaixo.

COVAS DE FURCO
Na parroquia de Furco. 
Malia as prospeccións arqueolóxicas levadas a cabo hai anos por mor da instalación dunha explotación de pedra calcária magnesiana para áridos, situada a menos de 200 metros das covas, non se documentou a existencia de xacigos arqueolóxicos en superficie. Mais esas, si está documentado que na Cova dos Cousos apareceu un puñal de antenas (López Cuevillas), anque non sabemos en que condicións; e na Cova dos Penedos atopouse un puñal de antenas de bronce, cachos de hasta e ósos humanos. Segundo información recollida do Boletín da Academia Galega: Un nuevo puñal de antenas, de Ángel del Castillo López, o puñal, datado na primeira Idade do Ferro (700-500 a.C.), ten unhas medidas de 28,2 cm e un peso de 176 gramos.

Segundo a lenda, no seu interior había tesouros ocultos, de onde saíron varios obxectos metálicos, entre eles unhas campás.
 

No mes de febreiro do ano 2000, a Consellería de Industria e Comercio ditou unha resolución pola que se fixo pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da canteira de Furco promovida pola empresa Hergaya S.A. No que atinxe ao patrimonio histórico, na contorna inmediata á explotación onde se localizan as covas kársticas (Cova de Furco I ou Cova dos Cousos, Cova de Furco II ou Cova dos Penedos, e Cova de Furco III) establecéronse unha serie de cautelas arqueolóxicas como o control das voaduras, prohibición de explanacións e amoreamentos, etc.
  
Colectivo Patrimonio dos Ancares
Mámoas e castros do concello de Becerreá