* Mámoas inéditas en Becerreá

A principios do mes de xullo de 2017, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, por medio do sistema dixital LIDAR-PENOA, localizamos na Serra do Travesal, na parroquia de Liber, concello de Becerreá, unha posible mámoa. 

Días despois achegámonos ata o sitio e comprobamos que, en efecto, trátase dun enterramento do Neolítico. Sitúase nunha penichaira a 574 metros de altitude, a carón do primitivo camiño que unía Liber con Vilar de Cancelada. Atópase en relativo bo estado de conservación. Ten un diámetro de 13 metros e unha altura de 0,50. Está cuberta de xestas e carqueixas o que non impide ver un pequeno cráter de violación. En principio no corre perigo por atoparse nun terreo onde non se realiza ningún tipo de labores, nin agrícolas nin forestais. A uns 300 metros adivíñanse os restos doutro túmulo, este practicamente desaparecido debido a que dende tempos inmemoriais o terreo foi utilizado para os labores agrícolas e gandeiros o que lle provocou a perda de case toda a masa tumular.

O achado xa foi posto en coñecemento do Servizo do Patrimonio Cultural e do Concello de Becerreá.