* O mito zoela de Ouselle (Becerreá)

Resulta bastante frecuente atoparnos con referencias á parroquia de Ouselle, no concello de Becerreá, que a identifican coa antiga Ocellum Gallaicorum da Xeografía de Ptolomeo (100-170 d.C.), capital do pobo céltico dos Zoelas (Zoelae en latín), famosos polo liño que cultivaban e que era moi apreciado en Roma, empregado tanto para a confección de pezas de vestir como para curar feridas.

Ocellum é un nome prerromano, posiblemente precéltico, co significado de cume, monte escarpado, outeiro que, ademais de como topónimo, funciona como epíteto, en ocasións acompañando a unha divindade indíxena como Arentius Ocalaecus ou Arentia Ocelaecca, como acontece coa ara adicada so Lar Ocaelaego atopada en Vilariño (Sarreaus) e custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense, unha testemuña do sincretismo entre a relixión autóctona (Ocaelaego) e romana (aos Lares) en Galicia, terra onde abundan os topónimos rematados en -ozelo, -ouselle, -oselo... (Arcucelos, Fragoselo, Nocelo, Ouselle...).

Ademais do Ocellum Gallaicorum citado por Ptolomeo, o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217) e o Anónimo de Rávena (do século VII, que manexou documentación de séculos anteriores) citan un Ocellum Duri ou Octoduron, identificado durante moito tempo, non sen polémica, coa cidade de Zamora, un poboado vetón documentado por Estrabón (64 a.C.-19/25 d.C.) no Libro III da súa Xeografía, e por Plinio o Vello (23-79 d.C.) que o describe na súa Naturalis Historia. Posteriormente apareceron outras posibles ubicacións dentro da provincia de Zamora, como Almaraz de Duero e Villalazán. No Itinerario de Antonino menciónase unha calzada dividida en dous tramos: o de Augusta Emerita (Mérida) e Caesaraugusta (Zaragoza) e de Asturica Augusta (Astorga) e Caesaraugusta. Na punta de intersección das dúas vías atoparíase Oceloduri.

Sábese que octo- é un deus celta, pero hai autores que opinan que o prefixo ocelo- significa, como apuntei máis arriba, monte escarpado, outeiro, que tamén se atopa na toponimia celta. Por outra parte, a palabra Ocelus empregábase como teonimia de Marte en Xermania e na Bretaña. A denominación posterior oceloduri, proveniente de octoduron, é unha corrupción que transforma octo- por ocelo-, co sufixo (durum) que aparece en varios topónimos ao longo dos pobos celtas de Europa e que podería significar "forte no promontorio".

Se ben é certo que en Ouselle está o castro da Croa, a identificación da parroquia con Ocellum débese, unicamente, ao topónimo. O licenciado Molina, na súa Descripción del Reino de Galicia... (1550) tamén di que o lugar onde asenta o castelo de Monterrei é de época romana, chamándoo Ocelum. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un vaso de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito coa inscrición: "Copiam [.] vriflavienses salvtem ocelae felicieter", que podemos traducir como "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela", o que, segundo algúns investigadores, levarían a Ocellum Gallaicorum para o citado castro; a capitalidade dos buroflavienses identíficase coa Pobra do Burón (A Fonsagrada).

No Staatliche Museen zu Berlin (Museo Nacional de Berlín) atópase a coñecida como Táboa de Hospitalidade de Astorga ou Pacto dos Zoelas. As referencias que se teñen son as do Corpus Inscriptionum Latinarum (1869), onde indica que procede "de los confines astorganos donde fue llevada a Madrid, antes de mediar el siglo XVII; de Madrid, donde la poseía D. Lorenzo Ramírez de Prado, llevola a Roma Camilo Máximo, patriarca de Jerusalén y allí estuvo en el Museo de Bellorio, hasta que pasó al Real Museo de Berlín, donde se conserva". A peza orixinal é unha prancha de bronce que remata nun frontón triangular e que fai referencia a dúas inscricións xurídicas reflectidas no mesmo documento. A primeira delas, suscrita o 28 de abril do ano 27 d.C., renova un pacto de hospitalidade asinado en data descoñecida. Este acto tivo lugar na cidade de Curunda que, aínda que na actualidade non se puído identificar con ningún lugar preciso, sábese que é a capital dos Zoelas, cuxa área de actuación se ubicaba no Conventus Asturum, con capital en Asturica Augusta (Astorga). Resulta chamativo que este pacto se realice entre dúas partes, a dos Desonci (identificado, tamén erradamente, con Doncos das Nogais) e a dos Tridiavi, pertencentes á mesma comunidade, a gens dos Zoelae, que se comprometen entre si a un acordo, o que deu pé a supoñer que aínda non se comezara a aplicar o esquema administrativo romano con base na Civitas. A segunda inscrición correspóndese co acto de renovación do dito pacto, o 11 de xullo do ano 152 d.C., feito que ten lugar nun ambiente máis romanizado, como así o testemuñan os elementos da onomástica que definen aos interesados que son os mesmos que no caso anterior e que agora actúan en conxunto e realizan pacto con tres individuos concretos, un da gens dos Orniacos e outros dous dos Zoelae. Este pacto non se trata dun acordo entre o poder de Roma e un pobo indíxena, senón que establece un acto de clientela entre gentilitates do Conventus Asturum, ratificado en Asturica Augusta.

A comarca actual dos Ancares estaría habitada polos Seurros Transminienses (para uns unha subdivisión interna dos Seurros, e para outros un pobo distinto), cos núcleos urbanos de Aquae Quintiae (Baños de Guntín) e Timalinus (Baralla), e polos Susarros que ocuparían as montañas do Courel e do Cebreiro, con capital no Castellum Alobrigiaeco (tabulae do Courel). Polo norte terían como veciños aos Egovarros Namarinos que habitarían no Val do Masma e na Serra de Meira, polo sur aos Lemavos cuxa capital, Dactonium, se erguería, probablemente, no monte de San Vicente do Pino, en Monforte, e polo oeste os Cóporos aos que Ptolomeo lles asigna as localidades de Iria Flavia e Lucus Augusti, que abranguerían, polo tanto, un amplo territorio. Os Seurri son mencionados por Ptolomeo (non deben confundirse co populus galaico dos Seurbi, mencionados por Plinio, pertencentes ao conventus bracarensis), e así constan nas testemuñas epigráficas: "Reburrus Ari Seurus (castello) Narelia" (Hübner, 1869), "Tridiae Modesti f(iliae) Seurr(a)e Transm(iniensi) exs (castello) Serante" (Année Epigraphique), "Q(uintius) Varius Reburri f(ilius) Maternus Seurrus Transmini(ensis)" (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979), "Flaci interciso Seuroru(m) [?]itc Susicus" (Arias Vilas, Le Roux e tranoy, 1979).

Segundo E. R. Luján, no seu Pueblos celtas y no celtas de la Galicia Antigua: Fuentes literarias frente a fuentes epigráficas, a etimoloxía do etnónimo Seurri é escura, mais presenta un sufixo -u(r)rus que se atopa nun conxunto de etnónimos da Galicia occidental e Asturias; di que non semella que poida tratarse dunha formación celta.

Canto aos Susarros, aparecen citados en varios epígrafes, ao que hai que sumar, segundo Correa (2002), a lenda Susarros/Susarres que se atopa en moedas visigodas coa lenda Arros/Arres [...] castellanos Paemeiobrigenses ex gente susarrorum [...] (Aannée Epigraphique), Tillegus Ambati f(ilius) Susarrus (castello) Aiobrigiaeco et Clotus Clutami f(ilius)... Susarru(s) domo Curunniace (Hübner, 1869). O citado Luján di que non resulta posible establecer a etimoloxía do etnónimo, aínda que semella de raigame celta.