OS PETROGLIFOS

OS PETROGLIFOS NA COMARCA DOS ANCARES

Cando hai máis de dous anos encomecei a peitear os seis municipios da comarca galega dos Ancares na procura de vestixios do noso pasado, as únicas referencias das que dispoñía limitábanse ao inventario da Xunta de Galicia e aos datos fornecidos polos Concellos: en total 2 mámoas e 40 castros. Transcorrido o tempo levo localizados 46 enterramentos megalíticos e case 140 castros, pescuda que debo en gran medida á información facilitada polas veciñas e polos veciños que, ademais, me relatan as lendas que co decorrer do tempo se teceron ao seu redor.

Nas andainas polas aldeas e polos montes da comarca tamén me interesaba, como non pode ser doutro xeito, polas gravuras rupestres ao aire libre, coñecidas popularmente como petroglifos, mais con escaso éxito: un par de pías e un dubidoso zigue-zague na serra do Pico de Becerreá; noticias de tres penas coñecidas como As Ferraduras dos Cabalos, con motivos en forma de ferradura e coviñas, que foron esnaquizadas no ano 1969 por unha máquina escavadora ao ampliar un camiño entre as aldeas de Savane e de Vilarpandín (Navia de Suarna); e o orixinal dun relevo no Mesón de San Xiraldo de Aurillac, en O Cebreiro, atopado en Salcedo, no municipio de A Pobra do Brollón, e que ata non hai moito se consideraba un petroglifo da Idade do Bronce. (Ver en Apéndices: O misterio do relevo de Salcedo).

Cando xa cría que os gravadores dos petroglifos se esqueceran da comarca, o día 25 de agosto de 2013 saltou, por casualidade, a lebre. Foi cando a documentalista Pilar Carpente máis eu nos dirixiamos cara a Campa do Barreiro, na parroquia de Donís, por un camiño que leva ata A Fonte dos Namorados, de coñecida lenda, unha transcorrida ruta que figura nas guías que falan do concello de Cervantes. Por mor do costume de non deixar nada ao azar, achegueime a unha pena, bastante visible, situada a poucos metros do sendeiro, arrodeada por arbustos, xestas e fentos e cuberta parcialmente por unha capa de lique, follas e ramaxe. Mentres alertaba á compañeira, púxenme a despexar a superficie da rocha. E alí estaban: varias coviñas cubrían a superficie.

Despois desas localizamos máis gravuras no concello de Cervantes, e a principios de marzo de 2015 os primeiros petroglifos en As Nogais. E no mes de novembro do mesmo ano os petroglifos a maior altitude de Galicia, tamén en Cervantes.

O día 23 de outubro de 2013, dende o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo informáronme de que as gravuras xa están inventariadas coas seguintes denominacións e claves: Campa do Barreiro (GA27012089), Campa de Campo Redondo (GA27012090), Piornedo (GA27012091).

PÓDESE VER TODA A INFORMACIÓN SOBRE OS ACHADOS NAS ENTRADAS DESTE MESMO BLOGUE ADICADAS AOS CONCELLOS DA COMARCA.


Colectivo Patrimonio dos Ancares