OUTROS SITIOS ARQUEOLÓXICOS

 
A PENA CASTELO 

A Pena Castelo atópase na parroquia de Rao (Navia de Suarna). Situada a 793 metros de altitude sobre o nivel do mar, domina un pequeno val regado polo río Rao. No tocante ao topónimo non hai acordo canto ao porqué de tal nome: un primitivo asentamento castrexo, unha torre ou castelo medieval ou que, pola forma que debuxan as colosais penas que a coroan, semella unha fortaleza.
 

Visitado o lugar axiña se aprecia que a formación rochosa é practicamente inaccesible, agás polo lado que mira cara o antigo camiño, en tempos unha vía secundaria romana e hoxe en día asfaltada estrada local que comunica Galiza con León. A súa configuración non se aproxima, en principio a un castro se ben, a pesares da matogueira que cubre o sitio, vense un par de muros, o que semellan os alicerces do que puído ser unha construción habitacional, un parapeito de terra e pedras e quizais uns aterrazamentos artificiais, todos protexendo a parte máis vulnerable xa que o resto está defendido polo forte desnivel do terreo.  A única referencia que coñezo sobre a posible existencia dun posible asentamento achéganolo a tradición e a lenda. Asegúrase que nun momento non precisado da Idade Media (polo de agora non existe documento escrito que testemuñe tal feito), había un castelo que foi asaltado e destruído, disque o lugar onde os atacantes emprazaron os canóns quedou ermo para sempre pola gran cantidade de pólvora utilizada para dobregar aos defensores, que por queimar queimou ata as pedras.
A media ladeira do monte hai, ao menos, unha cova (vese dende a estrada) que, contan, vai dar ao río. O que si resulta bastante claro é que as estruturas construtivas non formaron parte de muros divisorios de herdades nin doutro tipo de construcións, unha albariza ou un cortín, por exemplo.

O señor Nemesio, un home na fronteira dos noventa anos de idade e veciño de Laxo, contoume que xunto o río, ao pé da Pena Castelo, hai varias penedas que non chaman máis a atención que outras moitas que se ven pola contorna. Mais existe unha, lambida pola auga, que posúe unha característica que a fai distinta: ten gravada unha serpe. Entre os veciños corría a historia de que alí había un tesouro, mais, a pesares das horas gastadas na súa procura, ninguén daba con el. En tempos dun avó do señor Nemesio, un verán de mediados do século XIX, a seca fixo que o río Rao minguara considerablemente o seu caudal ata límites nunca vistos, circunstancia que aproveitou un home da aldea para examinar de cerca a Pena da Serpe. A rocha, ademais da gravura, non amosaba, a simple vista, ningún elemento que denunciara algún indicio eque levara ao devecido tesouro. Cando, farto de buscar, se dispoñía a abandonar o empreño, notou como que algo se movía baixo os seus pés. Mirou cara o chan e observou que estaba apoiado sobre unha lousa perfectamente cadrada, feitura, cavilou, na que pouco tiña que ver acción da natureza. Levantou a lousa, colleu o sacho que levaba canda el e comezou a cavar na branda terra que, para que non lle estorbara, ía botando ao río. O corazón deulle un volco cando, despois de varias horas de inútil esforzo, o sacho petou con algo duro. Mais a esperanza axiña se esvaeu, non se trataba dun deses arcóns dos que falaban as lendas, era, simplemente, unha dura rocha imposible de fender. A noite botábase enriba cando, desanimado, entrou na súa casa. Canso, puxo as botas xunto a lareira para que secaran e sentou nun banco. Coa mirada fixa no lume pensou como se deixara enganar por un fato de andrómenas: os tesouros, simplemente, non existían, e menos nun lugar tan afastado. A quen se lle ía ocorrer agochar un tesouro en Laxo? Unhas "cousas" brillantes tintinearon sobre as súas botas. Muxicas que foxen do lume? Ergueuse, non fose que aviveceran e llas queimaran, os tempos non estaban para tirar cos cartos. Inclinouse para collelas e así quedou, como entalecido. Co resplandor da lareira as botas adquiriron tal brillo que semellaban de ouro. Ouro? Sen pensalo dúas veces, colleu o sacho, un saco e o candil e regresou á Pena da Serpe. Foi entón, ao enfocar o profundo burato que fixera cando se decatou da realidade: a lousa que actuaba como tampa cubría unha arca de pedra. De xeonllos, frotou a arca coas mans que, ao achegalas ao candil, resplandecían: a terra que con tanto afán guindara cara o río, era ouro! Sábese, rematou o señor Nemesio, que o home conseguiu recuperar algún po de ouro polo que lle deron dezasete mil reás.+


 
TRES POSÍBEIS XACEMENTOS EN MURIAS: AS PEREIRAS, O TREITOIRO E A PENA DE MURIAS

No mes de agos de 2011 achegueime ata a aldea de Murias, na parroquia de Rao, concello de Navia de Suarna, para informarme dun posible enterramento megalítico que logo non resultou tal. Foi nesta visita cando o meu informante, José de Vilarín, faloume duns achados en dous montes próximos á aldea, coñecidos como As Pereiras e O Treitoiro. Cando lle preguntei de que tipo de achados estaba a falar conduciume ata a casa dun veciño onde puíden ver varios anacos de muíños circulares de man, unha pedra que debeu utilizarse para machucar o gran e distintos fragmentos doutras pedras que, por estaren partidas, non logrei identificar. Aseguroume que tiñan aparecido outros materiais, entre eles abundantes anacos cerámicos e escouras de mineral de ferro.

Descoñezo se neste lugares, situados nun pequeno val entre os ríos de Murias e o seu tributario o Balouta e moi humanizados polos labores agrícolas, houbo algún tipo de asentamento, mais, pola tradición oral que fala de mouros, romanos e tesouros e, sobre todo, polos achádegos citados, moitos deles destruídos ou desaparecidos e unha boa mostra agochados nas casas do lugar, fai pensar que algo houbo.

A pouco máis de 1.300 metros de distancia en liña recta atópase a Pena de Murias, situada a 1.137 metros de altitude sobre o nivel do mar, un penedo de forma cónica con paredes de lousa e covas na base onde todo apunta a que houbo unha explotación mineira, posiblemente coa orixe en época romana. A pena tamén está asociada a varias lendas, unhas que falan de mouros, outra de que existe un burato que si se tira unha pedra soa como se fose metal, e outra máis datada na Primeira Guerra Carlista (1833-1840), cando unha partida que fuxía das forzas liberais, e por medo a que estes se apoderaran do tesouro que levaban, decidiron agochalo nun lugar indeterminado da pena. A Pena de Murias, ademais, atópase a uns 2.500 metros en liña recta do campamento temporal (castra aestiva ou castra hiberna) de A Recacha do que falo no apartado deste mesmo blogue adicado á romanización.

Non resulta aventurado deducir, polo tanto, que O Treitoiro e As Pereiras poden agochar uns asentamentos relacionados coa explotación de mineral.